Noticias

A Deputación de Pontevedra asina un convenio de 6.000 euros para a celebración da festa do albariño 2017

Con este acordo de colaboración a institución provincial persegue dar maior difusión de Interese Turístico Nacional e promover o turismo na provincia de Pontevedra


21 xullo 2017
Convenio de Cambados

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a alcaldesa do Concello de Cambados, Fátima Abal Roma, asinaron esta mañá un convenio de colaboración de 6.000 € para a celebración da "LXV Festa do viño albariño" que terá lugar entre o 2 e 6 de agosto nesta vila. Ao acto tamén acudiron o deputado de Turismo, Santos Héctor, e o concelleiro cambadés, José Ramón Abal. Con esta achega preténdese dar unha maior difusión á festa e divulgar tanto o viño Albariño como as adegas de Cambados, a tradición e a historia do concello tan ligada a esta uva, así como promover o turismo da provincia de Pontevedra.

A Deputación de Pontevedra mantén así o apoio a diversas iniciativas vinculadas a celebración da "Cidade Europea do Viño", que nesta edición recaeu na vila de Cambados, e que terá o seu máximo expoñente na tradicional Festa do Albariño que congrega cada ano a milleiros de persoas que gozan da gastronomía local, actividades, concertos e cultura relacionada co viño albariño. De feito, a comezo de ano a institución provincial e o concello cambadés asinaron outro protocolo polo que a Deputación aportaba preto de 70.000 euros para subvencionar as iniciativas da "Cidade Europea do Viño".

Con todo a Festa do Albariño  é un  dos grandes atractivos turísticos da provincia de Pontevedra, un evento que 1977 foi declarada Festa de Interese Turístico, en 1990 Festa de Interese Turístico Nacional e actualmente aspira á catalogación de Festa de Interese Turístico Internacional.

Para este ano o concello de Cambados ten preparada unha ampla oferta lúdica, cultural e musical, con actuacións musicais que van dende Carmen Paris (2 agosto), Sondeseu (3 agosto), The Waterboys e Best Boy (4 de agosto), Heredeiros da Crus (5 de agosto) ata a Banda de Música de Castrelo (7 de agosto). Xunto á programación musical caben destacar as degustacións de viño e da gastronomía típica das Rías Baixas.

Fai 65 anos que Cambados vén celebrando a Festa do Viño Albariño, considerada como a primeira festa vinícola de Galicia, e a segunda festa de degustación de viño a nivel estatal. A celebración Nun principio tiña lugar no mes de setembro, xunto á romaría da Pastora, e tratábase dunha pequena festa familiar e nun concurso entre bodegueiros promovido por Bernardino Quintanilla e Ernesto Zarate.                                           

A partir da década dos 60 do século pasado a Festa do Albariño empezou a celebrarse durante a semana que coincide co primeiro domingo de agosto e foi aquí cando se abriu á participación de todos veciños e veciñas de Cambados e comezan a incluír desfiles, catas públicas e verbenas na súa programación.