Noticias

A Deputación completa o 100 % do Plan Concellos a Vilanova de Arousa, un total de 700.000 euros

A institución provincial entregou o último investimento, de máis de 30.000 euros, para restaurar lavadoiros e fontes na parroquia de Tremoedo


30 outubro 2017
Plan Concellos 2017

O Goberno de Carmela Silva aprobou por Resolución presidencial a última achega ao Concello de Vilanova de Arousa, no marco do Plan Concellos 2017. Con este novo investimento, encadrado na liña 1 de Investimentos a vila do Salnés recibirá 32.498,57 euros para a restauración de lavadoiros e fontes na parroquia de Tremoedo.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, anteriormente a institución provincial xa destinara a Vilanova de Arousa outros 399.854,9 euros na liña 1 para a subministración de cadeiras para eventos, a urbanización da praza do parque, o acondicionamento da ampliación do centro de formación con novas tecnoloxías no pazo de Vista Real, para a mellora do alumeado do campo de fútbol de San Miguel de Deiro, a pavimentación da rúa Concepción Arenal, a subministración de equipamento infantil, de sistema de son para a celebración de actividades e para un tractor e rozadoira, tamén para o acondicionamento da pasarela do Terrón, para a canalización de pluviais e pavimentación na parroquia de Caleiro e para a pavimentación en András. Á marxe da liña 1, a Deputación de Pontevedra tamén aprobou destinar a Vilanova de Arousa outros 103.764,83 euros para o pagamento de acredores de gasto corrente, actuacións musicais de verán e para a Festa do Momo, así como 155.647,25 euros para a contratación de 18 persoas para garantir a correcta prestación dos servizos municipais no concello.

Coa suma desta nova achega, Vilanova de Arousa xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 100 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, un total de 691.765,55 euros. Respecto o ano anterior, a vila do Salnés recibiu un 5,9 % máis.