Noticias

A Deputación chega a un acordo amigable para resolver o contrato coa adxudicataria do vello proxecto de Luis Rocafort

César Mosquera anuncia que a institución provincial acadou a resolución coa empresa Dragados "a custe cero"


15 abr 2016

O presidente en funcións da Deputación, César Mosquera, anunciou hoxe a aprobación en Xunta de Goberno da resolución do contrato do vello proxecto de urbanización para a avenida de Luis Rocafort en Sanxenxo. Segundo indicou o nacionalista, o acordo coa empresa Dragados foi amigable, polo que a institución provincial non terá que aboar ningún tipo de indemnización. Con este trámite solucionado aprobarase de xeito inminente –agárdase que a vindeira semana- o novo convenio co Concello de Sanxenxo e o inicio da contratación do proxecto mellorado. A intención é que as obras de reforma poidan comezar despois do verán.

O antigo proxecto para Luis Rocafort, segundo explicou Mosquera, foi desbotado polo actual responsable provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, logo de detectarse importantes deficiencias e limitacións. O proxecto era tremendamente defectuoso: faltaban terreos, non se melloraba a totalidade da vía de forma global, os servizos non estaban estudados…  "Eran moitas as deficiencias. Por exemplo, no tema dos servizos nalgúns tramos prevíase que varias tubaxes de saneamento de 400 mm entroncasen nun tubo vello de só 200 mm de diámetro que tamén levaba pluviais. Iso era un problema seguro e ao día seguinte obrigaría a levantar a obra de novo", explicou.

"Fixemos unha modificación moi profunda. Fixéronse informes e un deseño para que todo funcionase correctamente con moitas horas de traballo do deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, e do departamento de Mobilidade", dixo Mosquera, para recalcar que o obxectivo era "facer un deseño que solucionase necesidades cos parámetros de calidade que merece Sanxenxo e calquera outro concello seguindo os criterios que quere impulsar a Deputación".

Mosquera destacou a xestión feita coa firma adxudicataria. "Negociouse e a empresa colaborou, porque entendía a situación, e chegouse a un pacto amigable polo que non hai que pagar ningunha indemnización como a que corresponde neste tipo de situacións (que ronda entre o 3 e o 6 % do valor do proxecto). A resolución será a custe cero. Só hai que devolver a finanza que se presentara no seu momento para avalar a obra, que eran cartos da propia empresa", subliñou.

Hai que lembrar que o convenio co Concello de Sanxenxo para urbanizar Luis Rocafort foi asinado inicialmente en xaneiro do 2015. Os traballos foron adxudicados a Dragados no mes de xullo e no mes de novembro presentouse a acta de replanteo. O novo departamento de Mobilidade ditou informe sobre a inviabilidade do proxecto e presentou unha proposta alternativa de deseño no mes de marzo deste ano logo de chegar a un consenso co goberno local sanxenxino.