Noticias

A Deputación buscará a fórmula para mellorar a mobilidade peonil na estrada provincial que une Portas e Caldas de Reis

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, reuniuse hoxe co alcalde de Portas para recoller as súas demandas


25 xaneiro 2017

O deputado responsable de Mobilidade, Uxío Benítez, asegurou hoxe que a Deputación estudará a fórmula para mellorar a mobilidade peonil e aumentar a seguranza viaria na estrada provincial que une os concellos de Portas e Caldas de Reis (EP-8004) e permitir que as veciñas e os veciños da zona vaian dun a outro concello camiñando. O nacionalista así o manifestou hoxe no seu encontro co alcalde de Portas, con quen se entrevistou para recoller as demandas do municipio relativas ás vías de titularidade provincial.

Ademais de cuestións menores, o rexedor tamén lle expuxo ao delegado de Mobilidade a situación da estrada EP-0507 entre Portela-Valiñas-Portas, travesía que pasa polo núcleo do concello e que conecta os principais equipamentos (casa do concello, centro de saúde, pavillón, colexio…) e que nalgúns tramos carece de beirarrúas. Benítez destacou que a Deputación estudará a realización dunha actuación que permita mellorar a seguranza viaria e garanta unha mobilidade peonil en convivencia con outro tipo de desprazamentos. Neste sentido, o deputado lembrou que a Deputación xa prevé instalar nesta estrada elementos de calmado do tráfico, que obrigarán os coches a baixar a velocidade coa que transitan. En concreto, Benítez destacou que se instalarán tres pasos de peóns sobreelevados (PPS), pero subliñou que os técnicos provinciais trasladaranse ata a estrada, coa intención de estudar se son necesarios máis elementos deste tipo ou é conveniente valorar outras actuacións diferentes, coma a elevación da plataforma da estrada ou melloras na tipoloxía da vía.

Por outra banda, Benítez tamén lle mostrou ao alcalde Víctor Estévez a súa disposición para buscar as fórmulas máis adecuadas de mellora da mobilidade peonil entre os concellos de Portas e Caldas de Reis, a través da estrada provincial EP-8004 que une os dous municipios. Nestes momentos a vía dispón dunha senda para os peóns que non ten continuidade nun treito, o que obriga os veciños a vivir situacións de inseguridade viaria ao transitar directamente pola calzada. A actuación, solicitada polos veciños ao alcalde, será estudada polos técnicos provinciais.