Noticias

A Deputación adxudica 11 bolsas de mobilidade do proxecto Practicum Depo

41 estudantes xa realizaron prácticas no estranxeiro a través deste programa e outras 26 persoas están na actualidade coa súa estadía


07 ago 2016

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar a adxudicación de 11 bolsas de mobilidade do proxecto "Practicum Depo 2015", enmarcado no programa europeo Erasmus+.  Beneficiaranse desta iniciativa 11 estudantes de formación profesional, que pasarán seis meses facendo prácticas formativas en Irlanda. 

Trátase da terceira quenda de alumnado que participa neste programa "Practicum Depo 2015", do que xa gozaron 41 mozos e mozas da provincia nunha primeira quenda, e na segunda quenda,  outros 26 están na actualidade coa súa estadía no estranxeiro. Ademais destas 11 bolsas que vén de aprobar a Xunta de Goberno, a terceira quenda completarase con outras 45 bolsas pendentes de adxudicar.

As 11 persoas que van gozar destas bolsas son estudantes de formación profesional dos ciclos de Comercio, Instalacións Eléctricas e Automáticas, Sistemas Microinformáticos e Redes, e por último, Administración e Xestión.  Cinco estudantes proveñen do IES A Guía de Vigo, tres do IES Chan do Monte de Marín, un do IES A Paralaia de Moaña e tamén unha alumna do IES Ricardo Mella de Vigo. Todos e todas realizarán as súas estadías en Irlanda a partir do vindeiro mes de setembro. A duración máxima das prácticas é de seis meses e medio.

O alumnado que participa neste proxecto recibe unha axuda para os gastos de viaxe, que en función do destino neste caso é de 275 €, así como unha axuda de apoio individual para gastos de aloxamento, manutención e transporte local, que neste caso vai dende os 5.359 € ata os 8.931 € en función do período de estancia. 

O proxecto "Practicum Depo 2015", enmarcado no programa europeo Erasmus+ , é unha oportunidade de formación no estranxeiro para alumnado de formación profesional, que proporciona aos mozos e mozas as habilidades necesarias para pasar do ámbito da educación e da formación ao mercado laboral.  Os e as estudantes que participan poden realizar prácticas formativas no estranxeiro, mellorar as competencias lingüísticas nunha lingua estranxeira e implementar as competencias vinculadas ao seu perfil profesional.