Noticias

A Deputación adianta as axudas a colectivos e asociacións que traballan no fomento da igualdade e na loita contra a violencia machista

O Goberno provincial aproba as bases reguladoras das subvencións e incrementa as achegas ata os 108.000 euros


26 abril 2020

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases das subvencións destinadas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o fomento da igualdade de oportunidades e a loita contras as violencias machistas, adiantándose ao calendario doutros anos para que os colectivos e as asociacións poidan ter os recursos canto antes. Ademais, este ano o Goberno incrementou as axudas por concorrencia competitiva ata os 108.000 euros, reforzando unha das liñas estratéxicas da institución.

Poderán presentarse a esta convocatoria as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que estean inscritas na Área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. En liñas xerais, serán obxecto de subvención proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; proxectos de atención integral a vítimas desta violencia, fillas e fillos e persoas dependentes ao seu cargo; programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; proxectos e actividades que favorezan e fomenten a igualdade entre mulleres e homes; proxectos encamiñados a mellorar a formación e a orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; accións dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, e campañas de difusión e sensibilización da cidadanía en materia de igualdade.

No pasado ano 2019 beneficiáronse destas axudas un total de 22 entidades sociais pertencentes a 10 concellos da provincia. O prazo para a presentación de solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do levantamento do estado de alarma.