Noticias

A Deputación abre unha nova liña de axudas para que os concellos apliquen a compostaxe de xeito gradual

O vicepresidente Mosquera anunciou que a institución provincial cofinanciará persoal para o Plan Revitaliza aos concellos


23 xaneiro 2018
Reunión compostaxe

A Deputación de Pontevedra vai abrir neste 2018 unha nova liña de axudas para que os concellos adheridos ao Plan Revitaliza na provincia poidan aplicar a compostaxe de xeito gradual e por zonas dentro dos seus municipios. Así o manifestou hoxe o vicepresidente Mosquera nun encontro con alcaldesas e alcaldes, concelleiras e concelleiros e persoal técnico dos 36 gobernos locais que están a apostar polo novo modelo de tratamento de residuos potenciado pola institución provincial.

Mosquera explicou que a Deputación dá por pechado o grupo de concellos que vai pasar neste mandato a xestión do 100 % dos seus residuos orgánicos á compostaxe (Pontevedra, Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves e O Grove). Indicou que agora ábrese a porta a que os 30 concellos restantes poidan seguir avanzando sen ter que involucrarse de xeito tan ambicioso, senón con pasos parciais, aplicando a compostaxe en zonas con dimensións axustadas e viables (barrios, parroquias, áreas rurais…). "O ano 2020 está aí, e por imperativo legal no 2020 polo menos o 25 % dos residuos urbanos hai que compostalos, se ben globalmente é o 50 %. A menos que vaiamos avanzando non cumpriremos, polo que desde a Deputación imos empuxar para intentar adiantar prazos e dar pasos sólidos nese camiño", resaltou.

O nacionalista indicou as axudas económicas da nova convocatoria roldarán o 65 % do gasto, e destacou que os requirimentos por parte da institución provincial para con estes concellos serán menores que os que os dos municipios máis adiantados. "Detectamos certos temores ao falar cos alcaldes, e con esta proposta queremos dar facilidades. O que debe quedar claro é que entrar na compostaxe de xeito gradual ten unha vantaxe: non da tanta vertixe aos concellos; pero ten un defecto, que non abarata o custo do tratamento do lixo como pasar á compostaxe de xeito integral, xa que deben manterse dous sistemas a un tempo", apuntou.

A Deputación, dixo o vicepresidente, tamén aportará persoal técnico formado aos concellos. Estes traballadores e traballadoras pasarán a formar parte do plantel municipal, pero mantendo o "cordón umbilical" cos asesores do Plan Revitaliza da institución provincial co fin de garantir a eficiencia do modelo. Mosquera destacou a necesidade de que o ‘aporte' persoal teña un cofinanciamento por parte dos gobernos locais, deixando aberta a posibilidade de iniciar a contratación cunha subvención total para o primeiro ano, pero de ir incrementando a aportación municipal de xeito progresivo ata asumir o custe das prazas laborais na súa totalidade. "Na Deputación temos 40 persoas traballando no programa de compostaxe. Ampliaranse a 65 este ano e iso desbordará os nosos límites. Entendemos que esta proposta é positiva para que os concellos teñan de man persoal propio ou incluso mancomunado", salientou.

Valentía e esforzo

Logo de anunciar estas novidades na reunión, os representantes dos concellos adheridos mostraron o seu entusiasmo pola traxectoria do Plan Revitaliza desde a súa posta en marcha, asegurando, en conxunto, que se trata "dun programa que veu para quedarse pola súa demanda social". O vicepresidente Mosquera, pola súa banda, resumiu o sentir dos asistentes asegurando que "no mundo da compostaxe hai antecedentes negativos e certos recelos. Ver que o Plan Revitaliza está a funcionar ben e que cando hai algunha polémica a oposición ten unha base moi endeble, se é que existe, dá satisfacción. Todos sabemos que hai que ir por este camiño. É inevitable. Outra cousa é que dificultades nos imos atopar nese camiño, e cando os concellos ven que as dificultades son menores ou incluso todo o contrario, o índice de satisfacción é moi elevado", insistiu.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que tamén estivo presente na reunión, deulle as grazas ao vicepresidente pola "súa valentía para transformar modelos que durante décadas estiveron vixentes en relación ao tratamento de residuos sólidos e que consistían na acumulación e non na recuperación". Máis polo miúdo, puxo en valor o esforzo do vicepresidente "por dar pasos cara adiante para poñer en marcha novos proxectos, para convencer á sociedade da necesidade de cambiar o modelo e adaptalo ao século XXI dado que, entre outras cousas, estamos obrigados pola Unión Europea a telo acadado no 2020".

Silva detallou que os cambios que está a implantar a institución provincial "están a converter á provincia de Pontevedra nun referente europeo no tratamento dos residuos sólidos a través do Plan Revitaliza". De feito, a presidenta provincial recordou que "unha aplastante maioría de concellos se teñen sumado ao Plan Revitaliza polo que debemos seguir traballando, facendo este traballo de pedagoxía para que se sumen os 61 concellos e esta provincia sega a ser un referente".

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén puxo en valor o carácter pioneiro da institución provincial en canto "á formación dos mestres e das mestras composteiras". Así, Carmela Silva enxalzou que "temos creado un novo nicho de postos de emprego cos mestres e coas mestras composteiras e somos referentes en canto á súa formación. Estou segura que estas mestras e mestres composteiros, porque non hai profesionais mellor preparados, serán ademais elementos de formación noutros lugares que vaian poñer en marcha iniciativas como o Plan Revitaliza".

Calidade do compost

Outro dos puntos tratados na reunión de hoxe foi o nivel de calidade do compost producido nos 58 centros de compostaxe comunitaria (CCC) que a Deputación ten instalados na provincia. O asesor provincial de residuos, Carlos Pérez, explicou que se están a realizar analíticas periódicas dos diferentes lotes mediante laboratorios independentes con resultados ‘cum laude'.

Pérez destacou que na Unión Europea existe unha clasificación do compost determinada pola presencia de oito elementos tóxicos (Cadmio, Cobre, Níquel, Chumbo, Zinc, Mercurio, Cromo e Cromo VI) que cualifican o compost moi bo como ‘tipo A', o bo como ‘B', e o aceptable como ‘C'. O que non cumpre os parámetros mínimos descatalógase como ‘compost'.

Nas máis de 200 analíticas realizadas ata o de agora do compost dos CCC da provincia, o 87,57 % foi de tipo A, o 12,03 % de tipo B e o 1,39 % aceptable. "Nos casos nos que baixamos o nivel, aínda sendo compost bo, sabemos que se debe a algúns compoñentes dos composteiros comunitarios que imos cambiar. O que está claro é que podemos defender os nosos resultados de calidade coa cabeza ben alta. Temos uns niveis espectaculares e esta cuestión non se pode debater salvo dende unha posición ignorante", sentenciou.

Por outra parte, Pérez explicou que o compost nunca poderá competir con outros preparados artificiais deseñados ao efecto en relación ao aporte de nutrientes para a fertilización de terras, pero subliñou que con boas prácticas pódese mellorar con respecto aos parámetros habituais. O técnico indicou que o feito de admitir restos de carne e peixe nos composteiros do Plan Revitaliza foi unha aposta que, a pesares de ter riscos, tivo un resultado positivo duplo: ao ser elementos enerxéticos que acadan altas temperaturas con rapidez e sustentabilidade permiten a eliminación total de patóxenos e a hixienización garantida do compost. Por outra parte, a presencia de proteínas que chegan deses restos derivan en niveis de nitróxeno "espectaculares" que quedan fixados nos terreos en formas orgánicas de liberación lenta, o que ata o de agora non se tiña revelado en ningunha investigación. "É algo insólito. Os parámetros esixen un 1 % de nitróxeno estable e a nosa media está no 4,23 %. Non hai na Unión Europea unha experiencia sobre compostaxe con máis ‘mimo' que a nosa", finalizou.

Menos envíos a Sogama

En canto ao aforro de envíos de residuos orgánicos a Sogama, púxose sobre a mesa que en concellos como Vilaboa –no que hai catro CCC instalados– reduciuse un 10 % o material e por tanto o custo do lixo para o concello. No caso de Pontevedra, onde hai CCC instalados en Príncipe Felipe, na Brilat, no campus, en Monte Porreiro e Campañó, o aforro de toneladas de lixo a Sogama acadou un 5 %. Neste sentido, o vicepresidente Mosquera destacou que só o custo real de tratar o lixo da cidade infantil de Príncipe Felipe para o Concello, pola cantidade de toneladas de residuos xeradas, era de aproximadamente uns 60.000 euros para as arcas municipais –se ben a súa taxa a pagar era drasticamente inferior–. Na actualidade, o complexo infantil é un centro de ‘residuo cero' no que todos os orgánicos se tratan nos composteiros comunitarios e só saen para reciclar o papel, envases e vidro, ademais dunha fracción resto moi pequena.

Fotos


Novas relacionadas