Noticias

A comarca de Vigo acolle este mes de outubro 21 novas accións formativas do programa "SmartPeme" da Deputación de Pontevedra

O programa de asesoramento no ámbito das TIC está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia


03 outubro 2018
SmartPeme Vigo

As oficinas do programa "SmartPeme" da Deputación de Pontevedra en Vigo, Ponteareas e O Porriño acollerán durante este mes de outubro un total de 21 accións formativas (7 en cada unha delas) para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia de Pontevedra ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos.

As quendas para o mes de outubro na oficina de Vigo comezan este xoves, 4 de outubro, ás 19 h con "Aprende a usar correctamente Facebook para empresas". A seguinte acción será "Mellora a túa páxina web e posiciónaa en buscadores", o martes 9 ás 18 h. O curso "Estratexias de marketing para a túa empresa turística" chegará a Vigo o martes 16 ás 19 h. O seguinte xoves 18 de outubro, ás 19 h, impartirase "Escolle o hosting máis adecuado para as túas necesidades". O xoves 25 de outubro, á mesma hora, será a quenda de "Como vender os teus produtos nun marketplace". O martes, 30 de outubro á mesma hora, celebrarase a acción "Guía de boas prácticas para redes sociais". E, para rematar, "Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais" terá lugar o mércores 31 de outubro, ás 17 h. A oficina "SmartPeme" de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, nº 3.

A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: "Escolle o hosting máis adecuado para as túas necesidades", este xoves 4 ás 19 h. O martes 9 de outubro, ás 18 h, terá lugar "Crea e explota un CRM para a túa empresa desde cero". O xoves desa mesma semana, ás 19 h, impartirase "10 puntos clave SEO para a túa web". A seguinte será "Facebook para promocionar o teu negocio turístico", o xoves 18 á mesma hora. A quenda de "Fotografía de produto, especial sector téxtil" será o martes 23 de outubro, tamén as 19 h. Por outra banda, o xoves desa mesma semana á mesma hora, terá lugar o obradoiro "Como vender os teus produtos no marketplace". E, xa por último, o martes 30, ás 17 h, "Comercializa os teus servizos a través das redes sociais" será a acción que impartirá o persoal do programa, esta vez na sede da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS). A oficina "SmartPeme" de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.

Por último, a oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o martes, 9 de outubro, ás 18 h. O xoves 11, ás 17 h, impartirase "Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais". A acción "Mellora a túa presenza online promocionando o teu blog" terá lugar o martes 16 de outubro, ás 19:00 horas. O martes 23, á mesma hora, será a quenda de "Como vender os teus produtos nun market places". O xoves desa mesma semana, tamén ás 19 h, impartirase o curso "Linkedin: a túa rede de networking". E, por último, o martes 30 de outubro á mesma hora terá lugar "Como utilizar Instagram para promover a túa empresa". A oficina "SmartPeme" do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n

As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.