Noticias

#8M O programa "Por nós, por todas" chega ás Neves coa película Visións

Inserido no ciclo cinematográfico Outra Mirada de Cine, o filme colaborativo desenvolvido polo ente provincial no proxecto "Cinema e muller" amosará dez olladas de mulleres creadoras


07 marzo 2020

A Deputación de Pontevedra ten programadas unha miríade de accións durante o mes de marzo co motivo do Día Internacional da Muller. Entre elas atópase a proxección da película Visións, inserida dentro do ciclo cinematográfico Outra Mirada de Cine, co que se procura visibilizar as mulleres no audiovisual. A cita será este vindeiro luns, ás 16.30 horas, no salón de actos do IES Pazo da Mercé, no concello das Neves. Nela terá lugar unha charla de presentación a cargo de Lara Bacelo, directora dunha das dez curtametraxes que compoñen o filme.

Visións é unha película colaborativa que consta de dez pezas realizadas por mulleres cineastas da provincia de Pontevedra ao abeiro do proxecto "Cinema e muller", desenvolvido pola Deputación. Trátase, por tanto, dunha decena de olladas xenuínas nas que cinema e arte se funden nunha produción íntima e poliédrica. As curtametraxes que conforman a película son as seguintes: Proxectar-se, de Eva Calvar; ½, de Olaia Sendón; Ambos mundos, de Claudia Brenlla; Ei, guapa!, de Sonia Méndez; Aava, de Andrea Zapata-Girau; Aquí dentro, de Lara Bacelo; Zeitübergreifend, de Begoña M. Santiago; Voguing, de Carme Nogueira; Corpo preto, de Diana Touceda e Listen to me, de Carla Andrade.

A obra cinematográfica participou en festivais de talle internacional coma o Chiayifestival de Taiwán ou o CinemaAttic de Glasgow, ademais do CGAI da Coruña. Por outra banda, a película recibiu unha mención especial en canto á promoción da Igualdade nos premios CREA, da Asociación de Realizadores de Galicia.

A proxección desta película está inserida dentro do ciclo cinematográfico Outra Mirada de Cine, que forma parte da programación que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver este mes de marzo con motivo do 8M baixo o lema "Por nós, por todas". Con este ciclo de cine, o ente provincial procura dotar de visibilidade as mulleres do audiovisual que se sitúan tanto diante coma detrás da cámara.