Noticias

41 veciñas e veciños da Estrada participarán a partir deste luns no programa "Depotermal 2018"

Esta iniciativa de saúde da Deputación de Pontevedra beneficia este ano a máis de 4.000 veciñas e veciños da provincia


01 setembro 2018
Depotermal 2018

Desde este luns e ata o vindeiro venres 7 de setembro, un total de 41 persoas da provincia maiores de 50 anos poderán desfrutar dunha nova edición do programa "Depotermal 2018", organizado pola Deputación de Pontevedra. Máis polo miúdo, estas veciñas e veciños do concello da Estrada gozarán, en modalidade diúrna, dos circuítos termais do Balneario Eurostars Illa da Toxa.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade. Ademais, o programa tamén permite dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando, así, a demanda.

Ao igual que nas anteriores edicións, "Depotermal 2018" conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. Da asistencia diúrna vanse aproveitar 1.180 persoas, mentres que con pernoita haberá 2.878 persoas. En total, son 4.058 persoas beneficiarias. Deste total de prazas, a institución provincial financia integramente máis de 400 prazas para que familias en situación e/ou risco de exclusión social se poidan beneficiar deste programa.

Esta iniciativa da Deputación está dirixida a persoas empadroadas na provincia nadas antes do 1 de xaneiro de 1968, ou aquelas que nacendo con posterioridade son pensionistas, teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %, ou precisan dun respiro familiar.