Noticias

"Depo en marcha" ofrecerá cen obradoiros dirixidos á mellora da calidade da terceira idade en 39 concellos

A iniciativa da Deputación de Pontevedra busca favorecer o envellecemento activo a través da oferta de 8 actividades distintas


11 xuño 2017
Depo en Marcha

O Goberno provincial de Carmela Silva aprobou a adxudicación da xestión, desenvolvemento e execución de "Depo en marcha" á UTE formada polas empresas Forox Innovación, S. L. e Marexada, Deporte, Lecer e Cultura, S. L., que ofertaron un prezo por actividade de 744.15o euros, que serán as responsables de organizar un total de 100 obradoiros con 8 temáticas distintas pensadas para a terceira idade. "Depo en marcha" é unha iniciativa do Goberno provincial destinada a fomentar o envellecemento activo a través de diferentes actividades.

Segundo explicou Carmela Silva, a licitación supuxo un aforro de case 50.000 euros con respecto ao orzamento inicial previsto para este 2017 que era de 120.000 euros, semellante ao do ano pasado, o que supón unha redución do 40 %. Á oferta presentáronse un total de 7 empresas, das que resultou elixida a citada UTE formada polas empresas Forox Innovación,
 S. L. e Marexada, Deporte, Lecer e Cultura, S. L., que marcou un prezo por actividade de 744,150 euros, IVE incluído.

A presidenta destacou a importancia que teñen iniciativas como esta, destinadas a "favorecer o envellecemento activo e que queren contribuír á optimización das oportunidades de saúde, participación e seguridade da terceira idade", así como a establecer relacións sociais e favorecer a participación en actividades que melloren o estado anímico das persoas maiores. "Depo en marcha" persegue así mesmo, potenciar movementos de participación e de cooperación social, promover espazos de encontro e intercambio de experiencias e favorecer a independencia destas persoas para evitar o illamento e situacións de soidade.

Por outra parte, un total de 270 entidades de maiores, persoas xubiladas e pensionistas de toda a provincia solicitaron participar este ano en "Depo en marcha", das que 216 cumprían todos os requisitos e polo tanto son as adxudicatarias dos 100 obradoiros que se van a realizar. O prezo da matrícula será de 6 euros por actividade.

Os 8 obradoiros que se impartirán nesta ocasión serán Traballando coas Mans: arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e manualidades; Entre Fogóns: cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapiñas e petiscos; Aprendendo da Natureza: plantas medicinais; Móvete: pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba; Activando Corpo e Mente: conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés; Enredando: xogos tradicionais e teatro; Dálle Marcha: bailes de salón, pandeireta e canto popular; En Rede: internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática de iniciación e informática avanzada.

As actividades terán lugar en 39 concellos da provincia: Agolada, Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Moraña, Mondariz, Mos, Nigrán, Pazos, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.


Novas relacionadas

depo en marcha

16 xullo 2017, depo en marcha, maiores, xunta de goberno, deputacion de pontevedra, dalle marcha, depo en marcha 2017, en rede, enredando, entre fogons