Encontro en liña de mulleres xornalistas 2020

Towanda Rebels

Towanda Rebels

Towanda Rebels é unha canle de comunicación feminista formada pola actriz e xornalista Teresa Lozano e a tamén actriz e humanista Zua Méndez.

Ambas as dúas mulleres son activistas, comunicadoras e, ante todo, dúas amigas que un día decidiron romper o silencio e comezaron a falar e a escribir sobre a opresión da muller co fin de acelerar a súa liberación en todos os ámbitos. Iniciaron o seu traballo facendo activismo coas ferramentas ao seu alcance: un móbil, unha computadora para editar, as redes sociais e, o máis importante, miles de ideas e un desexo de comunicar e de cambiar o que as revolvía no máis profundo. Así naceu Towanda Rebels, unha canle que pretende ser un altofalante do berro feminista radical (radical de raíz) e no que son especialmente críticas coa mercantilización do corpo da muller e a violencia machista que aínda sofren as mulleres polo feito de selo.

Lanzaron varias campañas nas redes que conseguiron viralizarse: #YoTeCreo, en apoio á vítima de La Manada e cuestionando a xustiza patriarcal; #ManadaPorno, que establece a relación entre o consumo xeneralizado dun porno cada vez máis violento e cada vez a idades máis temperás coa proliferación de manadas de depredadores sexuais; e #MafiaReprodutiva, sobre o negocio que hai ao redor da xestación subrogada ou, como elas prefiren dicir, os ventres de aluguer. Pero, sen dúbida, a súa campaña máis polémica ata a data foi #HolaPutero, onde resitúan o debate da prostitución e poñen o foco sobre o consumidor (aínda que para elas este termo non procede porque as mulleres non son obxectos a consumir) e fano cunha linguaxe directa e sen pelos na lingua. O seu compromiso coa abolición da prostitución é claro.

O seu éxito como comunicadoras levounas a realizar charlas para adolescentes en centros educativos e universidades (Aragón, Castelló, Granada, Oviedo e Salamanca, entre outras) así como a impartirlles formacións en igualdade de xénero a profesoras e profesores da Xunta de Galicia. Tamén compartiron activismo xunto a organizacións como Médicos del Mundo (con quen compartiron a campaña "Yo no soy putero"), APRAMP ou Fundación Atenea; e realizaron diversas charlas en concellos (como o de Sevilla, Calvià, Eivissa ou Ribadeo).

Así mesmo, colaboran con RNE co seu propio microespacio feminista nas ondas "Towanda XXPress" no programa El gallo que no cesa e participaron no libro da escritora e crítica de cinema Pilar Aguilar Carrasco Debate prostitución: 18 voces abolicionistas.

O pasado xuño publicaron o seu libro #HolaGuerrera, alegatos feministas para la revolución" (Editorial Alguilar) que nos convida á acción, a darnos conta de todo o que aínda nos oprime e a mobilizarnos para cambialo.

Canle de youtube: https://www.youtube.com/channel/UCr4l0skM9D5RcY4Cwd2V-MA

Twitter: @TowandaRebels