M.ª Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro (Madrid, 1952). Xornalista e escritora licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. Pertence ao Plenario do Consello da Cultura Galega desde 2014, onde coordina a comisión de igualdade e forma parte do seu órgano de goberno desde xullo deste ano.
Comezou a súa andaina xornalística a finais da década dos 70. Entre outros medios, traballou en El Pueblo Gallego, El País, La Voz de Galicia, Radio Popular ou a Cadena SER. Na actualidade segue publicando artigos de opinión en medios escritos, como La Voz de Galicia, na súa columna "Habitación propia"; e en dixitais de ampla difusión, entre os que cabe destacar Tribuna Feminista-El Plural, onde publica numerosos artigos e ensaios sobre o feminismo. Esporadicamente colabora con The Washington Post, para a súa edición en español, Mundo Latino.
Ten unha ampla experiencia como xestora cultural. Dirixiu o Museo do Ferrocarril de Madrid e a comunicación corporativa da Fundación dos Ferrocarrís Españois. Creou e foi a primeira directora xerente da empresa compostelá que organizou a Capitalidade Cultural Europea desta cidade no ano 2000 .
Esta autora conta cunha extensa traxectoria política entre 1987 e 2009. Foi concelleira en Vigo en dúas ocasións, onde creou a primeira Concellería da Muller e a primeira casa refuxio para mulleres maltratadas de Galicia (unha das primeiras do Estado español, en 1987). Foi deputada no Parlamento autonómico de Galicia en dúas lexislaturas e deputada do Congreso. Foi a primeira delegada no exterior do Goberno de Galicia, con sedes en Bos Aires e Montevideo, entre 2007 e 2009.
Como observadora electoral acreditada polo Ministerio de Asuntos Exteriores presidiu misións internacionais en Líbano e Venezuela e participou como convidada na delegación do Parlamento Europeo en Bosnia.
Twitter: @mxporteiro