Ramonas on Tour

Que é unha Riot Grrrl?

Tradución do manifesto "Riot Grrrl!" publicado no número 2 do fanzine Bikini Kill en 1991

Porque nosoutras nunca teremos a visión xerárquica dos homes sobre o talento, sobre o que mola ou sobre a intelixencia. Eles foron criados para manternos fóra, e se algunha vez os coñecemos, eles cambiarán, ou nosoutras converterémonos en fichas.

Porque necesito risas e amor de muller. Necesitamos construír liñas de comunicación e entón poderemos ser máis abertas e accesibles unhas ás outras.

Porque estamos divididas polas nosas etiquetas e filosofías, e necesitamos aceptarnos e apoiarnos unhas ás outras como mulleres, recoñecendo os nosos diferentes puntos de vista sobre a vida, e aceptando todos eles como válidos.

Porque en calquera clase de medios me vexo, nos vexo, golpeadas, decapitadas, burladas, cousificadas, violadas, trivializadas, empurradas, ignoradas, estereotipadas, pateadas, desdeñadas, molestadas, silenciadas, invalidadas, apuñaladas, disparadas, afogadas e asasinadas.

Porque vexo a conexión de todas as formas de opresión e creo que debemos combatelas con esta conciencia.

Porque é necesario crear un espazo seguro para as mulleres no que poidamos abrir os ollos e atoparnos unhas coas outras sen ser ameazadas por esta sociedade sexista.

Porque necesitamos decatarnos de que o noso sangue está a ser derramado; que neste momento unha muller está a ser violada ou golpeada e poderíamos ser ti ou eu, ou a túa nai, ou a moza que se sentou ao teu carón no bus o martes pasado, e podería estar morta antes de que remates de ler isto. Non o estou inventando.

Porque non podo rir mentres as miñas amigas están a morrer por dentro. Morremos por dentro e nin sequera nos tocamos; cremos que nos odiamos unhas ás outras.

Porque aínda estou farta, e aínda convivo co racismo internacional, o sexismo, o clasismo, a homofobia etc., e non quero facelo soa.

Porque estou cansa de que me pasen estas cousas. Non son un xoguete. Non son un saco de boxeo. Non son unha broma.

Porque necesitamos falar unhas coas outras. A comunicación e a inclusión son a chave. Nunca o saberemos se non rompemos o código de silencio.

Porque nosoutras as mulleres queremos crear medios que nos falen a nós. Estamos cansas de bandas de homes, unha tras doutra; revistas de homes, unha tras doutra. Punk de homes, tras punk de homes, tras punk de homes.

Porque cada vez que collemos un bolígrafo, ou un instrumento, ou facemos algo, estamos creando a revolución. NOSOUTRAS SOMOS A REVOLUCIÓN.

NON, NON SOMOS PARANOICAS

NON, NON SOMOS 'ODIA-HOMES'

NON, NON NOS ESTAMOS PREOCUPANDO DEMASIADO

NON, NON ESTAMOS ESAXERANDO

Última modificación: mércores, 13 marzo 2019