Mulleres en acción violencia zero 2016/2017

Corda

Iria a de Constanza (música)
Soutomaior
9 de maio de 2017 ás 12:00 horas no Multiusos de Arcade

María Lado

Unha corda abalea mergullada na auga transparente, semella unha serpe verde vibrando baixo as raiolas.

Unha amarra, como unha man morna que abriga, impide que un barco marche sen rumbo polo mar, nas noites frías. Cando hai tormenta, as embarcacións extraviadas seguen a luz da lúa, pero se esta enreda nun manto de nubes grises, vaise a luz. Os candís calan no suspiro derradeiro para recibir o silencio.

Da parálise, dun intre baldío, sae o bramido de algo innomeable que rompe un adival. A súa boca é coma unha fenda da que emerxe un balbordo ancestral con voz de muller triste, de muller entre as cordas que só acouga cando estas se tensan para a música.

Nun horizonte aberto, respiro, funámbula, para lle ofrendar un canto. Eu son neta das afogadas, das aforcadas, dun naufraxio, da muller tabú.