Mulleres en acción violencia zero 2016/2017

Verbalización

Fabiola Mecías (performance)
Ponteareas
19 de xaneiro de 2017

María Lado

Verbas fundadoras de realidades, alma do que existe, a ollada sobre o mundo.

O contido e medio desta acción é verbal e corporal. Dentro dunha reflexión sobre a linguaxe, a sexista, que crea unha imaxe denigrante da muller e, por outra banda, a poética, nave na que viaxan en liberdade as sensacións, soños, realizacións e expresión femininas. A voz de muller. O corpo de muller liberado para sentir e vivirse. E a pegada no muro (mural), porque as mulleres non somos invisibles nin etéreas nin insignificantes. Somos materia e decisivas e deixamos pegadas na Historia.

Acción, reflexión, poesía verbal e en movemento, mural.

Curriculo

Actriz plástica, termo acuñado por min para definirme de forma activa.

A miña obra é a acción sobre a materia dotada de plasticidade. Como actriz comezo a miña formación en Santiago de Compostela, en Espazo Aberto. A asistencia a Iphigenia auf Tauride de Pina Bausch en Essen , Alemaña, marcarame. Axiña comezo a traballar de maneira profesional con Matarile Teatro. O curso El Camino de la Máscara, impartido por Jean-Marie Binoche no CNA de México D. F., espertará en min desexos de seguir abrindo camiños a nivel formativo. Desprázome a Madrid para seguir os cursos profesionais de Ana Vázquez de Castro, discípula de Jacques Lecoq, cuxa escola conta con Luca Aprea como profesor de Teatro do Obxecto e Composición. O meu adestramento vocal será dirixido nun principio por Cristina Domínguez e complementado con clases de canto con Bridget M. Clark e Ana Cristina Lopes Ferreira. Outra vez unha viaxe darame a oportunidade de enriquecer a miña visión da maxia escénica, ao asistir como espectadora a unha representación de teatro noh xaponés. Participo nos obradoiros As Bases dun Actor Contemporáneo de Movemento e A Teatralidade do Movemento, dirixidos por Claire Heggen e Ives Marc en Francia. A produción de Peter Brook O home que confundiu… deixa fonda pegada en min como espectadora. Durante un tempo abandono a escena pública. Entre outras técnicas de movemento que practiquei e practico destaco a danza contemporánea con Elena Alonso, a improvisación con Mónica Extremiana, a técnica release con Nausica Guitart, a técnica Alexander, kinomichi co mestre Noro e pilates. En Valencia fórmome en Belas Artes. As miñas últimas producións tenden á arte performativa e a crear espazos e accións poéticos e diversos.