Mulleres en acción violencia zero 2016/2017

Branco fácil

Lara Buyo e Ana Corujo (performance)
Poio
04 de maio 2017, ás 12 h no IES de Poio

Lara Buyo e Ana Corujo

O difuso límite entre vida persoal e profesional é a frase que nos une. Ao longo da nosa traxectoria xuntas defendemos a arte en parella dando a entender que o que para algúns significa unha dinámica de traballo máis eficaz, para nós é, con todo, unha forma de definirnos.

O noso percorrido artístico, unido a experiencias compartidas máis persoais, ha de ir sempre da man dunha temática feminista onde a ironía e a reivindicación teñen un gran protagonismo como ferramentas nas nosas pezas.

Branco fácil é un exemplo diso e nace en contra dos "consellos" para non ser violada que publicou o Ministerio de Interior. Presentámonos como un branco fácil que lles dá a oportunidade ás persoas que así o desexan de converternos nos seus premios ou logros aínda sendo non merecidos e en contra da nosa vontade. 

Curriculo

Os nosos nomes, Lara Buyo Pan (A Coruña, 1993) e Ana Corujo Carreira (Viveiro, 1993), escóndense baixo o apelativo LAG, sobre o cal actuaremos ao longo do noso percorrido como parella artística.

Compaxinamos os anos da carreira de Belas Artes (Universidade de Vigo, 2011-2015) con algúns voluntariados en centros como APAMP e Aldeas Infantiles, que espertaron en nós un maior nivel de compromiso coa sociedade e o mundo que nos rodea. Máis adiante participamos en exposicións colectivas como Voilà la femme (Marín, 2015) formando, tamén, parte do proxecto da galería virtual Gloria Heldmound ou da acción "SOMOS MULLERES E ESTAMOS AQUÍ", de Yolanda Herranz.

Estamos cursando o Máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación (Universidade de Vigo, 2015-2016) realizamos diversas prácticas de montaxe en institucións como a Galería Trinta (Santiago de Compostela) ou o MARCO (Museo de Arte Contemporánea, Vigo).

Actualmente estamos a traballar sobre novas liñas de investigación (tanto teóricas coma prácticas) que seguen gardando ese compromiso coa sociedade; con todo, esta vez, introducimos a nosa experiencia persoal.