Mulleres en acción violencia zero 2016/2017

2 letras de diferenza

Marta Cuba (performance)
Salvaterra de Miño
18 de abril 2017

Marta Cuba

Existe unha liña fina, extremadamente fina, sobre a que é difícil moverse. Entre o que esperan de min e o que espero do meu.

Moverse entre o esperado e o inesperado. Entre o aceptable e o marxinal. Unha liña que separa o meu corpo do corpo do resto de corpos.

Soñei un día que me obrigaban a comer touciño. Pero de pequena a obrigación viña desde dentro. Desde ese lugar no que aprendín que non debía comer touciño se quería estar preparada para recibir o corpo e a alma de Cristo. Nese lugar no que aprendín que respectar é igual a obedecer, a obrigación coábase entre o padal e a hostia que se pegaba a el case sen deixarme tragar saliva.

A obrigación, a obediencia e o corpo de Cristo. Aprendín que o corpo é alma e non é importante. Pedagoxía do corpo que cala.

Pedagoxía da violencia.

Entre o que esperan de min e o que espero do meu hai tan só dúas letras de diferenza.

Curriculo

Marta Cuba é deseñadora gráfica e artista interdisciplinaria. Experimenta entre territorios, entre o corpo e as súas pegadas. Danza, fotomontaxe, acción, performance, novos desprazamentos, novos límites, lugares polos que re-moverse nun exercicio de reflexión sobre aquilo que escapa a criterios ríxidos, sobre aquilo que nos desorienta e nos toca. De que modo se cruzan e se experimentan as fronteiras? Corpo social, histórico, grávido, identitario, corpo inmaterial, pixelado, translúcido. Corpo e imaxe do corpo.

Marta compaxina o traballo de deseñadora gráfica coa montaxe de pezas nas que integra improvisación, danza, fotomontaxe ou acción. Lugar de paso estreouse na sala Normal en xuño de 2013 e Mo-vernos en outubro de 2014. Tamén é integrante da compañía Mudanza, creada en 2014 e na que codirixe pezas coma Ur-vanos, estreada no festival Cartografías en Movemento de Lugo en 2015, e Sintética, estreada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña en abril de 2016.