Mulleres en acción violencia zero 2016/2017

Nada máis alá

Permodus (danza)
Nigrán
21 de febreiro de 2017, ás 12 h na praza do Concello

Permodus

Agardamos na beira,

para nacer libres,   

do meu...  do  teu,

das pocións máxicas...

Invertindo  os contos que non cesan

dando  sen cálculo,

facendo regazo, celebrando

Á  beira,

da vida de vitalidade e desexos

de sensible sinfonía,

movéndonos coma peixes,

ondeando o mar de ventres latexantes,

sen leis que mordan o inconsciente

Agardamos á beira,

non  amanses  o dragón

Curriculo

A súa formación en danza comeza no ano 1986 e pasa por toda clase de disciplinas, desde Danza Clásica, American Jazz, Danza Moderna ou Expresión Corporal ata Danza Contemporánea, á que terminará por dedicarse completamente.

Polo seu interese na interacción da danza e a fusión entre movemento, expresión e emoción, entra no campo da improvisación e no estudo de disciplinas orientais. Merece unha mención especial a danza Butoh, pois inflúe notablemente en todo o seu traballo e na filosofía que adopta con respecto ao corpo e ao movemento. Así, comezan unha procura e investigación persoais nas que contacta con multitude de persoas dedicadas á creación e á interpretación, da rama contemporánea e as artes escénicas.

No seu traballo como bailarina e coreógrafa colabora con artistas de diferentes ámbitos: composición, baile, música, pintura, poesía e interpretación, e traballa tamén como repetidora, asistente de coreografía e axudante de dirección. Como mestra imparte cursos, obradoiros e clases desde moi nova.

Desde o ano 2007 dedícase a ser nai e a educar os seus tres fillos e, aínda que o seu labor formativo e coreográfico nunca cesou por completo, nos últimos anos volve formar parte importante da súa vida. Forma e apoia mozas e mozos con inquietudes artísticas e continúa no seu empeño por unha danza libre, xeradora, transformadora e independente. Así, aposta por un grupo de investigación en danza, Permodus Danza, caracterizado pola diversidade do ser, a heteroxeneidade corporal, a independencia artística e a liberdade.