Mulleres en acción violencia zero 2016/2017

Un alpendre cheo de significados sospeitosos

Yolanda Castaño (poesía)
Cambados
26 de xaneiro de 2017

Yolanda Castaño

A poesía pode mudar as conciencias, as palabras poñen nome ao escondido, pronuncian o que doutro xeito non se podería dicir. A través desa vía é que a poesía pode cambiar o mundo. Porque non existe o que non se nomea, e a poesía vai moito máis lonxe no delicado proceso de nomear.

Desvelar a agachada violencia, visibilizar os sutís procesos que desaugan nun áspero final, alertar ante as fórmulas, recoñecer o contrasinal da agresión. O poder da palabra protéxenos con ferramentas transparentes. Autocoñecemento, sentido crítico, á vez beleza e reflexión.

Unha intervención poética da man dun dos rostros máis coñecidos da poesía galega. Transcendendo as palabras para levalas á voz e á acción.

Currículo

Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) é poeta, filóloga, videocreadora e unha activa dinamizadora cultural que dirixe obradoiros literarios, obradoiros de tradución poética, festivais e ciclos de poesía sempre con autoras e autores galegos e internacionais. Premio Nacional de la Crítica 1999, Espiral Maior 2007, Premio Ojo Crítico 2009, Premio Fundación Novacaixagalicia, Autora do Ano 2014 para as Librarías de Galicia e finalista do Nacional de Poesía, conta con seis poemarios, edicións bilingües (galego-castelán) e cinco libros de poesía infantil, ademais doutras obras publicadas como editora ou tradutora. Traballou durante anos en televisión e recibiu bolsas como escritora en residencia en Rodas, Múnic, Pequín e Edimburgo. Desenvolve experiencias que fusionan a escrita coa plástica, a música, a performance, a danza, o audiovisual ou mesmo a cociña, soa ou en colaboración con outras e outros artistas. A súa obra apareceu en multitude de revistas, antoloxías e festivais literarios de toda Europa, Asia e América, e traduciuse en parte a 20 linguas. O seu último título é A segunda lingua.