Mulleres en acción violencia zero 2016/2017

Can Cancela Calafrío

María Roja (performance/acción escénica)
Caldas de Reis
3 de xullo de 2017, ás 12:00 h na praza das Palmeras

María Roja

Un can é un mamífero carnívoro doméstico da familia dos cánidos, do que existen múltiples razas de características diversas e que, pola súa intelixencia e lealdade, é empregado na caza, para gardar rabaños, casas e outras propiedades, así como para moitas outras funcións. Unha cancela é unha porta formada por táboas ou paus separados entre si e unidos aos traveseiros, que pecha o paso a unha propiedade. Un calafrío é o que ás veces sentes á beira dunha cancela cun can, mentres chuchas coma carabuñas as hostias que levas coloreadas baixo o pulso.

Curriculo

María Roja (Lugo, 1982) é artista visual e performer, licenciada en Belas Artes cun Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo e titulada superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia. A súa obra amosouse en exposicións e festivais organizados en galerías, museos e espazos alternativos de Galicia, España, Portugal, Grecia, Taiwán, Uruguai, Colombia, Chile, Brasil, Honduras, México, Ecuador, Santo Domingo, Arxentina ou Perú. É cofundadora do Fato Bicéfalo Ohn e dos colectivos áIntemperie e Blanco&Roja, proxectos situados no campo da arte de acción experimental. Actualmente compaxina o labor investigador no programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporáneo da Universidade de Vigo co seu traballo creativo nos eidos das artes visuais e escénicas.