Mulleres en acción violencia zero 2016/2017

A última cea

Uxía Morán (acción escénica-teatro)
Tomiño
27 de decembro de 2016

Uxía Morán

"O neno mirará ao mundo, a nena mirará ao fogar". Así resumía a ditadura franquista o papel que o home e a muller debían desempeñar na sociedade. Na ditadura, elas non só foron encarceradas, fusiladas e obxecto de torturas e vexacións; tamén padeceron unha represión específica, unha represión ideolóxica e de xénero. A muller debía subordinarse ao home, manterse afastada da vida pública e dedicarse exclusivamente ás tarefas domésticas, ao coidado das fillas e dos fillos e á satisfacción do marido.

O franquismo buscaba crear unha sociedade de mentalidade única na que a Igrexa desempeñaba un papel fundamental. De feito, implantou en España un modelo baseado na "recristianización" da sociedade, comezou a perseguir os "inimigos da moral católica", co beneplácito das institucións, e a difundir estritas normas acordes cos "bos costumes" como, por exemplo, preservar a "honestidade nos vestidos, sen esaxerar escotes, saias e mangas" ou "suprimir o fumar entre as mulleres" porque "é costume pouco feminino".

Currículo

Uxía Morán é unha actriz ourensá de vinte e sete anos licenciada na Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid. Tras os seus estudos na capital volveu a Galicia e comezou a realizar traballos no cine (Vilamor, 9 Olas, Las Brujas de Elente…), nas web series (O gran compadre, Orxo, PIB…) e no teatro (dirixiu e actuou en performances coma Nexos, O retrato, Ela-s e Dó, Metástase da alma). Actualmente colabora no grupo de teatro da ONCE coa obra Arsénico por compaixón, dirixida por Tito Asorey e Melania Cruz. Compaxina esta actividade coa docencia, dirixida tanto a cativas e cativos coma a persoas adultas, impartindo clases de teatro, expresión corporal, danza e técnica vocal na Escola Municipal de Teatro de Ourense e, en Allariz, na Fundación Vicente Risco.