Ribadumia recibe preto de 50.000 euros do Plan Concellos 2017 para investir na súa rede de alumeado público
Cun investimento superior aos 350.000 euros, a institución provincial xa leva entregado a Ribadumia o 78 % do importe total do plan
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova axuda ao Concello de Ribadumia ao abeiro da liña 1 de Investimentos do Plan Concellos 2017. Trátase dunha achega de 46.171,90 euros que permitirán á vila do Salnés actuar na rede de alumeado público do concello, concretamente nas parroquias de Leiro e Besomaño.
Ademais, anteriormente a Deputación de Pontevedra xa destinara a Ribadumia 137.214,57 euros en liña 1 para a adquisición dunha fregadora limpadora e dunha retroescavadora con mini pa mecánica, a legalización das subministracións de electricidade, para a rede de saneamento do Freixo e realizar un muro de contención para a formación dunha senda peonil en Leiro. Ademais, 20.000 euros en liña 2 para a programación do auditorio municipal e para a exaltación do viño autóctono dentro da Festa do Viño Tinto do Salnés e, finalmente, outros 102.592,13 euros para a contratación de 12 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego do plan.
Coa suma destas cinco novas achegas, a porcentaxe de adxudicación do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra en Ribadumia sitúase neste momento no 78,1 %. Isto supón que o concello xa dispón de 356.200,03 euros dun total de máis de 450.000 euros.