Noticias

Uxío Benítez reivindica o espazo público como elemento de cohesión social e centro da nova Bauhaus Europea

O deputado de Mobilidade asegura no ‘Foro Urbano' de Sevilla que os países do Sur de Europa deben abandeirar a recuperación urbana polo uso sociolóxico que as persoas fan das rúas


06 outubro 2021
Foro Urbano de Sevilla

"O espazo público debe ser a base da nova sociedade que temos que construír e polo tanto o centro da Nova Bauhaus Europea (NBE)". Así o manifestou hoxe o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos da Deputación Uxío Benítez na sesión organizada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no ‘I Foro Urbano de España' para falar da iniciativa da Nova Bauhaus, un proxecto da Unión Europea que pretende "deseñar futuras maneiras de vivir (...) construíndo un futuro sostible, inclusivo e fermoso".

Segundo apuntou o nacionalista de maneira provocativa ante un auditorio principalmente formado por persoas vencelladas á arquitectura, é "elemental" deixar de preocuparse por construír espazos privados ou edificios singulares atractivos. Afirmou que é preciso poñer o foco no deseño e mellora do espazo público, o único realmente utilizado por todas as persoas, para crear unha Nova Bauhaus que realmente poida lograr cambios na sociedade facéndoa máis cohesionada e inclusiva nun futuro.

Benítez lanzou a idea de que os países do sur de Europa deben ser a "vangarda" e a "bandeira" da Nova Bauhaus Europea precisamente porque son os que teñen máis vinculación co espazo público polo uso que as persoas fan das rúas tanto por cuestións climáticas, históricas como sociolóxicas.

 "Debemos ser nós os que poñamos o espazo público -as nosas rúas e prazas- no centro da Nova Bauhaus porque somos os que máis o usamos historicamente, e potencialo como elemento de cohesión social, de xeración de vida colectiva, dunha nova sociedade na que incluír as crianzas, as persoas maiores e con algún tipo de discapacidade, a todo o mundo", explicou, argumentando que as sociedades do Norte, con menor interacción social ‘en exteriores', poderían non considerar prioritario abordar un cambio de modelo nos espazos de encontro potenciando as persoas e retirando os vehículos a motor.

Á hora de respostar á pregunta sobre quen debe apostar por modelos urbanos que melloren o espazo público, Benítez insistiu que a iniciativa debe chegar das institucións. Foi neste punto onde puxo o exemplo da Rede Ágora de Concellos polo espazo público e asegurou que pode servir de base para artellar outras colaboracións institucionais en diferentes niveis.

A participación do deputado provincial Uxío Benítez  para falar de Ágora na sesión sobre a Nova Bauhaus Europea do ‘Foro Urbano' xurde porque o Ministerio de Mobilidade e Axenda Urbana solicitou contribucións sobre formas de vida "fermosas, sostibles e inclusivas" a diferentes administracións para traducir esas ideas nun documento político e artellar a cooperación internacional coa acción local.

De feito, a Nova  Bauhaus Europea é unha iniciativa creativa e interdisciplinaria que busca abrir un espazo de encontro e colaboración institucional "para deseñar futuras maneiras de vivir (...) facendo un esforzo colectivo por imaxinar e construír un futuro sostible, inclusivo e fermoso".

A NBE busca crear espazos inclusivos e accesibles, "onde o diálogo entre persoas de diferentes culturas, disciplinas, xéneros e idades se convirta na oportunidade de imaxinar un lugar mellor para todos no que desenvolver unha economía máis inclusiva, na que a riqueza se distribúa e os espazos sexan alcanzables".

"Dicir fermoso é dicir solucións sostibles, que abran un diálogo entre a nosa contorna construída e os ecosistemas do planeta. Significa aplicar enfoques  rexenerativos, inspirados nos ciclos naturais, que permitan que se renoven os recursos e que protexan a biodiversidade. Dicir fermoso é falar de experiencias enriquecedoras, que respondan a necesidades máis aló da nosa dimensión material e inspírense na creatividade, a arte e a cultura. Significa apreciar a diversidade como oportunidade para aprender uns doutros", explican.

Fotos