Noticias

A Rede Ágora, recoñecida polo Ministerio de Transportes, Mobilidade E Axenda Urbana como unha iniciativa aliñada coa Nova Bauhaus Europea

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, presenta este venres en Madrid o proxecto provincial de recuperación do espazo público nunha xornada na que estarán o ministro Ábalos e representantes do Parlamento e a Comisión Europea


30 xuño 2021
Rede Ágora

A Rede Ágora de Concellos Polo Espazo Público acaba de ser recoñecida polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) como unha iniciativa "aliñada coa Nova Bauhaus Europea", un movemento impulsado pola presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen "para construír espazos de vida sustentables e accesibles". É por iso que o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, estará este venres en Madrid nunha Xornada sobre a Nova Bauhaus xunto ao ministro José Luís Ábalos e representantes tanto do Parlamento como da Comisión Europea para dar a coñecer o proxecto da Deputación de Pontevedra para a recuperación do espazo público.

Na xornada Benítez compartirá mesa xunto a outras iniciativas consideradas igualmente aliñadas coa Nova Bauhaus, tales como a que exporá o alcalde de Sevilla, Juan Espadas; Anna Ramos, directora da Fundación Mies van der Rohe; Vicente Guallart, director do Instituto IAAC de Cataluña; Eulalia Moreno de Acevedo Yagüe, directora xeral de Urbanismo e Ordenación do territorio de Estremadura; Ramón Lasaosa Susín, presidente da Comisión Executiva da Fundación Beulas-CDAN de Huesca; Nuria Matarredona Desantes, directora xeral de Innovación Ecolóxica na Construción da Generalitat Valenciana; e Lluis Comeron, presidente do Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España.

Entre as autoridades estarán tamén para presentar a Nova Bauhaus Marcos Ros, representante do Parlamento Europeo, que falará de "A Nova Bauhaus Europea: a arquitectura no centro das políticas da Unión"; Montserrat Marín Ferrer, do Joint Research Center que tratará "A Nova Bauhaus Europea: Unidos na diversidade"; e Laura Hagemann Arellano, directora xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea.

O convite ao deputado de Mobilidade xorde despois dos parabéns que a Dirección Xeral de Axenda Urbana do MITMA deu á Deputación de Pontevedra por poñer en marcha a Rede Ágora que, en palabras do director Iñaqui Carnicero, é un proxecto que " pode servir de revulsivo para contaxiar outras provincias e que pouco a pouco cheguemos a un conxunto de cidades en toda España que entendan a transcendencia do espazo público".

Hai que lembrar que Ágora é unha rede de acción institucional entre a Deputación e os municipios da provincia para realizar políticas de recuperación do espazo público co obxectivo principal de multiplicar o espazo destinado ás persoas no horizonte de 2023 "de forma concreta e plasmable en números". Nestes momentos forman parte de Ágora 54 concellos que traballan para seguir o decálogo de Principios Ágora baseado nas seguintes ideas: o espazo público é un dereito; as persoas primeiro; mobilidade inclusiva; autonomía infantil; mobilidades alternativas; espazos seguros; hábitat saudable; espazos amables e de calidade; actividade económica de proximidade; e mobilidade sustentable.