Pontevedra acollerá durante este mes de novembro seis obradoiros de "SmartPeme"
"SmartPeme" é un programa de asesoramento no ámbito das TIC da institución provincial destinado ás persoas emprendedoras e ás pemes da provincia
O Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra, na capital provincial, e as instalacións de AEMPE Pontevedra acollerán, durante todo este mes de novembro, seis obradoiros ao abeiro do programa "SmartPeme" da institución provincial. "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.
As quendas para o mes de novembro comezarán este martes 7 de novembro co obradoiro "Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial" e seguirá cos seguintes cursos: o xoves 9 impartirase o obradoiro "Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing"; o martes, día 14, "Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO"; o martes 21 "Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais"; o xoves 23 de novembro "Crea o teu propio logotipo con Canva", e "Woocommerce I – A solución para vender por internet", o martes 28 de novembro. A única actividade que realizarase fóra do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra será o de "Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO", que se organizará nas instalacións de AEMPE. A oficina "SmartPeme" de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es. Todas as actividades deste mes comezarán ás 19 h salvo o obradoiro que terá lugar en AEMPE, que arrancará ás 17:15 horas.
Lembramos que o novo proxecto "SmartPeme", en palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, "é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma as persoas emprendedoras, as asociacións empresariais e as e os axentes de dinamización en concellos". Para isto, nas oficinas de "SmartPeme" no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se están pondo en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC ás e aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.