Noticias

O goberno de Carmela Silva achega outros 30.000 euros a Vilagarcía de Arousa ao abeiro "do Plan Concellos 2017"

A institución provincial leva entregado o 82,2% do total destinado a Vilagarcía de Arousa dentro do Plan, máis dun millón de euros


15 outubro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar por Resolución presidencial unha nova achega ao Concello de Vilagarcía de Arousa, no marco do Plan Concellos 2017, dentro da súa liña 1 de investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial, presidida por Carmela Silva, achegará 27.999,99 € para a instalación dun ascensor no edificio do centro de emerxencias da vila.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, anteriormente a institución provincial xa destinara a Vilagarcía de Arousa outros 627.273,17 € na liña 1 para a subministración dunha cisterna de rego de emulsión asfáltica, unha minipala cargadora, unha máquina trituradora, un vehículo pick up, unha máquina porta féretros e unha máquina sinalizadora, así como para a humanización da praza de Galicia e un tramo de padre Feijóo e para a renovación de varandas na contorna de Vista Alegre. Á marxe da liña 1, a Deputación de Pontevedra tamén aprobou destinar a Vilanova de Arousa outros 178.332,97 € para a reparación de farolas nas rúas Castelao, Edelmiro Trillo, na contorna da Alameda e na praza Ravella; para a intervención con familias en situación de emerxencia social, para gasto corrente novo; para tecnoloxías emerxentes e o servizo de mantemento dos parques infantís; para o pintado da gardería infantil municipal; para o combate naval e os programas "Sarsale", "Activa o Corpo e a Mente", e de sensibilización en igualdade. Ademais, o goberno de Carmela Silva destinou xa a Vilagarcía de Arousa outros 314.331,47 €, da liña 3 do Plan Concellos 2017, para a contratación de 34 persoas para garantir a correcta prestación dos servizos municipais no concello.

Coa suma desta nova achega, Vilagarcía de Arousa xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 82,2 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 1.147.937,6 € dun total de 1.397.028,74 €.