Noticias

A provincia de Pontevedra será escenario este venres da cume nacional do termalismo

Os concellos de Caldas de Reis e Cuntis acollerán a XII edición dos Encontros das Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP)


03 abril 2017
termalismo

O termalismo converterase a finais desta semana no absoluto protagonista da actualidade da provincia de Pontevedra coa XII edición dos Encontros das Vilas Termais e Asemblea da Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que terá lugar nos concellos de Caldas de Reis e Cuntis, o venres 7 e o sábado 8 de abril.

Nestas xornadas, organizadas pola FEMP coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, falarase de aspectos como as políticas públicas de saúde, a lexislación ou a innovación e a vangarda da industria do termalismo e da hidroloxía médica, pero tamén do turismo de saúde e de wellness, dos modelos de negocio e tamén dos modelos de desenvolvemento das vilas termais. Ademais da presidenta provincial, Carmela Silva, asistirán o presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero, representantes da Xunta de Galicia e rexedoras e rexedores das vilas termais da provincia de Pontevedra, de Galicia, do conxunto do Estado español e tamén doutros países, que falarán sobre as súas experiencias en termalismo e os seus modelos de cooperación entre concellos.

Neste importante encontro, no que Carmela Silva porá en valor as políticas sociais que desenvolve a institución provincial ao abeiro do termalismo, en concreto a través do programa "Depotermal" do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, as e os asistentes tamén terán a oportunidade de coñecer algúns dos recursos naturais e patrimoniais máis importantes da provincia de Pontevedra, como os xardíns do Castelo de Soutomaior, propiedade da institución provincial, o xacemento arqueolóxico da Lanzada, onde o equipo de arqueoloxía da Deputación de Pontevedra levou a cabo recentemente importantes achados, ou os cascos históricos de Combarro, en Poio, e Pontevedra.