Noticias

Caldas de Reis e Cuntis convértense desde este venres nas capitais do termalismo estatal co novo Encontro das Vilas Termais organizado pola FEMP

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, asiste mañá á inauguración para poñer en valor o sector en Pontevedra, a segunda provincia do estado con máis recursos termais


06 abril 2017
Termas de Cuntis

Os concellos de Caldas de Reis e Cuntis acollen este venres, 7 de abril, e o sábado día 8, unha nova edición (a duodécima) dos Encontros das Vilas Termais e Asemblea da Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais da Federación Española de Municipios e Provincias, organizada pola FEMP, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

A Presidenta provincial, Carmela Silva, asistirá mañá venres á inauguración dos encontros, onde porá en valor tanto os recursos termais dos concellos da provincia (catro deles, vilas termais: Caldas, Cuntis, O Grove e Mondariz-Balneario) como as iniciativas levadas a cabo pola institución provincial en materia de termalismo.

Nas xornadas, nas que estarán presentes o Presidente da FEMP, Abel Caballero, a Directora de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, ademais de responsables de institucións públicas e vilas termais a nivel galego, estatal e internacional (con presenza de autoridades portuguesas), e tamén profesionais ligados ao termalismo, farase fincapé en aspectos como a necesidade da internacionalización dun sector que precisa a alianza entre as institucións públicas e o sector privado para a súa correcta promoción.

O turismo termal leva en alza dende o ano 2011, crecendo en Galicia un 40% en 2016 e con Pontevedra (a segunda provincia con máis recursos termais unicamente por detrás de Barcelona) tamén dentro desta tendencia.

Durante o encontro, as persoas asistentes coñecerán algúns dos recursos naturais e patrimoniais máis importantes da provincia de Pontevedra, como os xardíns do Castelo de Soutomaior, propiedade da institución provincial, o xacemento arqueolóxico da Lanzada, onde o equipo de arqueoloxía da Deputación de Pontevedra levou a cabo recentemente importantes achados, ou os cascos históricos de Combarro, en Poio, e Pontevedra. Ademais, o sábado terá lugar a Asemblea da Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais onde, entre outros asuntos, se escollerá a súa nova Xunta Directiva.


Novas relacionadas

termalismo

03 abril 2017, cuntis, caldas de reis, femp, cumbre nacional do termalismo, encontro das vilas termais