Noticias

A Deputación inicia o proceso de selección das persoas participantes en "Depoemprega 2016"

O programa acollerá a 60 persoas mediante sondaxes do Servizo Público de Emprego e ten previsto comezar as súas accións no mes de novembro


11 set 2016

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar un proceso de selección de dous meses das persoas que participarán no programa "DepoEmprega 2016" despois da concesión dunha subvención da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para a execución dunha iniciativa que xa tivo lugar o ano pasado baixo o nome "DepoEmprega 2015". O programa poderá acoller a 60 persoas dos concellos de Pontevedra, Vigo, Bueu, Cangas e Poio que cumpran un dos seguintes requisitos: ser persoas desempregadas cunha discapacidade, mulleres desempregadas que acrediten a condición de vítimas de violencia machista e persoas desempregadas menores de 30 anos.

As persoas que queiran participar nesta iniciativa o poden solicitar directamente nas oficinas do Servizo Público de Emprego. Co obxectivo de mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego (concretamente búscase a integración do 35%, isto é, 21 persoas), "DepoEmprega 2016" concrétase na oferta de formación para acadar certificados de profesionalidade, de prácticas en empresas e de busca de postos de traballo para aquelas persoas que xa teñen estudos e experiencia laboral, ademais dun apartado de autoemprego. Por outra banda, o programa tamén acollerá accións individuais coas que se ofrecerá orientación en elaboración de currículos, entrevistas de traballo, obradoiros de habilidades sociais, coaching ou novas tecnoloxías.

"DepoEmprega 2016" terá unha duración de 12 meses e está previsto o seu comezo para novembro deste mesmo ano.

Lembramos que o rematado "DepoEmprega 2015" amosou os seus bos resultados o pasado mes de agosto, na entrega de diplomas a 30 persoas participantes, xa que conseguiu o obxectivo marcado de acadar emprego a un 45% do persoal participante. Ademais, firmáronse 29 convenios empresariais cos que 35 dos e das participantes puideron realizar prácticas.