Noticias

Esta semana arrancan as xornadas informativas de Depoemprega 2016 para as 60 persoas participantes

Persoas desempregadas de menos de 30 anos, persoas sen emprego con discapacidade e mulleres vítimas de violencia de xénero son as receptoras desta iniciativa


24 out 2016

Ao longo desta semana vanse desenvolver as sesións informativas do programa Depoemprega 2016 para as 60 persoas participantes dos concellos de Pontevedra, Vigo, Bueu, Cangas e Poio. Trátase de persoas desempregadas menores de 30 anos, persoas sen emprego cunha discapacidade e mulleres desempregadas vítimas de violencia machista.

As sesións informativas pretenden dar a coñecer ás persoas participantes de Depoemprega 2016 o funcionamento e as características deste programa, así como os seus dereitos e compromisos. A primeira acción grupal terá lugar o xoves 27 de outubro, de 10 a 11:30h., nas instalacións da Deputación en Vigo, onde van asistir 30 persoas beneficiarias dos concellos de Vigo e de Cangas.

O venres 28 de outubro, de 10 a 11:30h., haberá outra xornada informativa no Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra, para 26 persoas participantes dos municipios de Pontevedra e de Poio. Tamén o vindeiro venres, de 12:30 a 14.00h., no departamento de promoción do emprego do concello de Bueu, desenvolverase unha sesión informativa para as 4 persoas participantes do municipio de Bueu.

 Depoemprega 2016 é o plan integrado de emprego da Deputación, cofinanciado coa Xunta de Galicia, para mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas participantes, en  concreto, búscase a integración do 35%. Poranse en marcha diferentes accións, que van dende a orientación e a formación ata a intermediación laboral, sempre adecuándose aos itinerarios personalizados de inserción laboral de cada participante.