Noticias

A Deputación de Pontevedra destina 30.000 euros a Cambados no marco do "Plan Concellos 2017"

A institución provincial leva entregado o 74,50 % do total destinado a Cambados dentro do plan, cun investimento situado en máis de 688.000 euros


19 xullo 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova achega ao Concello de Cambados no marco do "Plan Concellos 2017", dentro da súa liña 1 de Investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial, presidida por Carmela Silva, achegará 30.000 euros para a instalación dun colector de saneamento e cunetas de pluviais en Cortiñas de Abaixo, en Corbillón.

Ao abeiro do "Plan Concellos 2017", anteriormente a institución provincial xa destinara a Cambados outros 311.934,87 euros en liña 1 para a humanización das rúas Ourense e Pontevedra, para o parque infantil de Beleco, para rematar as melloras das beirarrúas da avenida de Vilariño, para dotar de infraestruturas aos núcleos de Veiga e Fonte do Couto, para dotar de mobiliario as oficinas municipais, para facer un traslado do servidor do concello e a súa páxina web, para mellorar o acceso aos colexios da Pastora e Os Olmos e para a construción dun muro no colexio de Corvillón. Ademais tamén se destinara 138.554,85 euros en liña 2 para o pagamento de gastos correntes dos seus servizos municipais e para as actividades do Samaín, o Magosto, o Nadal, a Semana Santa, a Festa da Vieira, as Letras Galegas, a Festa dos Maios e o Entroido e, finalmente, 207.565,98 euros cos que Cambados puido contratar a 30 persoas que desenvolveron as súas profesións nos distintos servizos municipais da vila.

Coa suma desta nova achega, Cambados xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 74,50 % do total do investimento que lle corresponde dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 688.055,70 euros dun total de preto de 925.000 euros.