« Atrás

Noticia - Rompe. Xoga en igualdade xa está en Mondariz para concienciar sobre a necesidade de rachar con todas as formas de violencia machista

"Rompe. Xoga en igualdade" xa está en Mondariz para concienciar sobre a necesidade de rachar con todas as formas de violencia machista

A deputada de Igualdade cualificou de "inconcibible que, en pleno século XXI, nunha fin de semana catro mulleres morran asasinadas a man das súas parellas"


09 xullo 2018
Rompe e Xoga en Igualdade

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes, inauguraron este mediodía, na praza de Abastos, a mostra "Rompe. Xoga en Igualdade", que poderá verse ata o vindeiro día 29 de xullo. A exposición está protagonizada polas famosas bonecas "Barbies" intervidas para amosar así situacións de desigualdade, violencia e discriminación que aínda hoxe, en pleno século XXI, viven as mulleres desde nenas. No acto tamén participaron as artistas creadoras da exposición, Isabel Blanco e Irene Silva.

Abelairas lembrou que hoxe en día, máis que nunca, é necesario "reivindicar que as mulleres non somos cidadás de segunda, cada vez temos que loitar máis polos nosos dereitos, porque somos a metade da poboación e temos dereito absolutamente a todo igual que os homes". Por iso cualificou de inconcibible que, en pleno século XXI, aínda teñamos que estar a falar de catro mulleres asasinadas polas súas parellas nunha fin de semana.

A deputada fixo especial fincapé en que é imprescindible concienciar á poboación máis nova sobre a necesidade de loitar pola igualdade e contra todo tipo de violencia de xénero. Por iso hoxe en Mondariz, neste acto de apertura da mostra, participou tamén rapazada do Campaverán de Mondariz, á que Abelairas recordou que "non todo en materia de igualdade está conseguido. Todo o contrario. Hoxe en día parece que estamos retrocedendo. De feito, van catro mulleres asasinadas só nesta fin de semana, que as mataron só polo feito de ser mulleres, sen absolutamente ningunha outra razón".

Ante a xente máis nova, Abelairas recordou que, en materia de igualdade, nunca se pode baixar a garda e sempre hai que seguir traballando, "de seguro que todos e todas vós o sabedes moi ben, pois cada vez xorden novas formas de violencia e discriminación, como a través dos móbiles ou das redes sociais". Ademais das rapazas e rapaces dos campamentos, na apertura da mostra tamén estiveron usuarias e usuarios do centro de día, así como xente usuaria da praza.

"Rompe. Xoga en Igualdade" chega a Ponteareas, tal e como explicou a deputada Abelairas, para "chamar a atención e amosar que estas bonecas irreais son mentira totalmente, non existen na realidade" e que ademais, son bonecas intervidas para "amosar as situacións de desigualdade que vivimos aínda hoxe, son imaxes coas que queremos romper e concienciar". A deputada sinalou que esta iniciativa é unha máis das postas en marcha desde a área de Igualdade, creada polo Goberno de Carmela Silva en 2015, "porque ao chegar á Deputación nos demos conta de que era un departamento absolutamente necesario na actualidade, xa que as políticas de igualdade deben terse en conta en todos os ámbitos de actuación das administracións".

Pola súa banda, o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes, manifestou que agarda que no futuro mostras coma esta non sexan necesarias, "os homes temos que dar pasos día a día para que as violencias machistas desaparezan da nosa sociedade".

"Rompe. Xoga en Igualdade" consta de 18 paneis e vitrinas con bonecas "Barbies intervidas" que amosan situacións cotiás de desigualdade. As artistas creadoras da mostra, Isabel Blanco e Irene Silva, explicaron que a boneca protagonista da exposición foi seleccionada por tratarse da máis famosa da historia, coa que a diario xogan milleiros de nenas e nenos en todo o mundo pero que, ao tempo, transmite valores sexistas e presenta a unha muller obxecto. Deste xeito, interviñeron as bonecas para romper e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes e concienciar á sociedade para que se poña fin á discriminación e á violencia machista. Trátase dunha mostra cun importante valor simbólico e poético, e por iso, diante de cada peza hai un martelo co fin de trasladar a idea de romper con esa situación.

"Rompe. Xoga en Igualdade" poderá visitarse na praza de Abastos de Mondariz ata o próximo 29 de xullo. Estará aberta ao público todos os días da semana polas mañás de 9 a 14 horas.

Fotos