« Atrás

Noticia - Rosa Cobo fai un canto á contribución do feminismo na escola de Igualdade da Deputación sen un movemento forte non existirían políticas públicas

Rosa Cobo fai un canto á contribución do feminismo na escola de Igualdade da Deputación: "sen un movemento forte non existirían políticas públicas"

A teórica feminista sinalou a lei mordaza como un intento de silenciar as reivindicacións dos grupos que están en desvantaxe e en desigualdade


27 setembro 2018
Escola de igualdade Rosa Cobo

A teórica feminista Rosa Cobo, escritora e profesora de Socioloxía do Xénero na Universidade da Coruña, denunciou hoxe no marco da Escola María Vinyals da Deputación de Pontevedra no castelo de Soutomaior, que "actualmente seguimos a sufrir os intentos do patriarcado para frear as políticas públicas de igualdade". Na súa conferencia, Cobo fixo un repaso das políticas institucionais de igualdade desde a creación do Instituto de la Mujer no ano 1983 e reflexionou acerca de como se puxeron ao fronte de organismo persoas que non eran expertas en políticas de igualdade e descoñecían o movemento feminista, e como este feito afectou ás propias políticas executadas e aos seus resultados.

Durante a ponencia, a teórica feminista abordou como desde os anos 90 e ata o de agora, as forzas patriarcais intentaron deter todas as reivindicacións das mulleres. Neste senso sinalou a lei mordaza como un "intento de silenciar as reivindicacións dos dereitos dos grupos que están en desvantaxe e en desigualdade" e destacou que as dúas reivindicacións que o movemento feminista esta poñendo encima da mesa son "o grito unánime contra a violencia social e a colocación no panorama político da precariedade laboral contra as mulleres".

Para contextualizar a situación actual, a teórica feminista tamén fixo un percorrido polas políticas públicas dende o século XVIII ata o de agora sinalando que hai dúas formas de facer política "unha desde o marco do Estado e a outra que é a que nace da actividade dos novos movementos sociais". Neste senso, Cobo recalcou que "as políticas de igualdade son o resultado da intersección política do movemento feminista e a labor que se fai dende o Estado. Sen un movemento feminista forte non existirían políticas públicas".

No que respecta ás políticas de igualdade, a escritora destacou a influencia que tivo o Pacto de Estado, que xurdiu despois da segunda guerra mundial, para darlle visibilidade á desigualdade que estaban sufrindo as mulleres. "O Pacto de Estado, que foi o fundamento do Estado de Benestar, levaba oculto un pacto patriarcal, un acordo entre varóns, no que as mulleres foron conceptualizadas como traballadoras gratuítas, como amas de casa", con esta afirmación Rosa Cobo sinalou que o Estado de Benestar, que comezou a facerse visible nos anos 50, foi edificado sobre o traballo gratuíto das mulleres, "os varóns son os titulares dos dereitos, mentres que as mulleres sofren unha clara situación de submisión", recalcou a teórica feminista.

Tamén, Cobo Bedía indicou que as políticas públicas de igualdade comezan a partir da década dos 70 "cando por segunda vez na historia o movemento feminista vaise converter nun movemento de masas enormemente influínte que vai cambiar moitas cousas". A partir de ese momento o feminismo vai poñer encima da mesa reivindicacións relacionadas con temas como o dereito ao aborto, a denuncia patriarcal e a conceptualización do traballo gratuíto das mulleres dentro do fogar. A profesora da Univesidade da Coruña resaltou que nesta década empezouse a romper coa submisión das mulleres "xurdindo a posibilidade de poñer en marcha ferramentas para reducir esta desvantaxe social das mulleres, as chamadas políticas públicas de igualdade". A escritora tamén fixo un breve percorrido polos anos 80, no que destacou a creación do Instituto de la Mujer en 1983, e con el a creación de políticas específicas de igualdade, "que son as que deron mellores resultados e reduciron a desvantaxe social das mulleres, ademais a partir de aí tamén empezaron a deseñarse organismos de igualdade a nivel municipal, estatal e autonómico".