Noticias

Uxío Benítez anuncia o plan MOVESE para aumentar a seguranza viaria das estradas provinciais, coa instalación de zonas 30 e pasos de peóns sobreelevados

O deputado de Mobilidade acaba de solicitarlle a cada concello un informe sobre os puntos da rede provincial de estradas nos que se precisa calmar o tráfico


19 xan 2016

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou onte a posta en marcha do plan MOVESE (Mobilidade e Velocidade Segura) para aumentar a seguranza viaria nas estradas provinciais con medidas de calmado do tráfico, coma a implantación de zonas 30 ou pasos de peóns sobreelevados. As zonas de actuación en cada municipio serán escollidas polos propios concellos, coñecedores dos lugares nos que se precisa calmar o tráfico con máis necesidade.

Segundo explicou Uxío Benítez, este plan segue a "filosofía do decálogo de criterios para as actuacións nas estradas provinciais que establece que a prioridade nas estradas da Deputación, a partir de agora, será para os peóns". Neste sentido, subliñou que "os obxectivos son aumentar a seguranza viaria, creando espazos de coexistencia para todos os sistemas de desprazamento, nun contorno viario seguro e tranquilo que permita protexer os colectivos máis vulnerables". O deputado defendeu que a medida máis importante para acadar unha mobilidade máis segura é actuar directamente sobre a velocidade á que transitan os vehículos, xa que canto máis reducida é esa velocidade menos sinistros se producen e menores son as súas consecuencias. Por este motivo o plan MOVESE aposta por levar a cabo actuacións de calmado do tráfico, mediante a instalación de zonas 30, pasos de peóns sobreelevados (PPS) e outro tipo de redutores físicos da velocidade dos vehículos (RFVV).

Benítez lembrou que a rede de estradas provinciais, formada por 377 vías (cunha lonxitude total de 1.700 quilómetros), supón unha trama de vías secundarias, non de alta capacidade, que na súa maioría cruzan núcleos de poboación ou pasan por zonas cun tránsito peonil importante. Así, como exemplo para a instalación das zonas 30 ou dos chamados "lombos", Benítez expuxo o caso de vías provinciais situadas ao lado de colexios, nas que os desprazamentos de alumnos son continuos, polo que é preciso darlles prioridade fronte á circulación rodada. "A prioridade ten que ser que os rapaces poidan ir seguros ao colexio, non que os coches que pasen por aí aforren 30 segundos e cheguen antes ao destino", manifestou.

Consensuado e con continuidade no mandato

En canto ao proceso para poñer a andar a iniciativa Benítez indicou que no plan MOVESE haberá cambios en relación á forma na que actuaba a Deputación ata o de agora, xa que serán os propios concellos os que expoñan cales son as súas necesidades. "A metodoloxía para elixir onde se actúa será diferente, posto que serán os concellos, principais coñecedores dos seus municipios, os que lles indicarán aos técnicos provinciais cales deberán ser os puntos de actuación", dixo.

A pasada semana, de feito, a Deputación xa lles enviou formalmente aos alcaldes da provincia unha carta para explicarlles o procedemento de solicitude. Púxose á súa disposición un formulario tipo no que mandatarios, concelleiros, técnicos ou policías municipais deben explicar cal é o punto de actuación que requiren, así como os motivos polos que se debe mellorar a seguranza viaria nesa zona, ben por ser un punto de concentración de accidentes ou por tratarse dunha zona de elevado tránsito peonil. Este formulario (tamén dispoñible nesta web) debe ser devolto ao departamento de Mobilidade antes do 1 de febreiro para que despois un técnico provincial visite a zona referida e realice un informe coas solucións máis acaídas para cada caso.

Posteriormente, e en virtude do número de solicitudes presentadas e da súa argumentación, contrataranse as actuacións  e executaranse ao longo deste ano.

Segundo insistiu Benítez, a Deputación financiará o 100 % das actuacións. Tamén sinalou que o plan MOVESE terá continuidade durante todo o mandato, xa que o departamento de Mobilidade recibe periodicamente peticións de actuacións e, ten constatado, que na súa maior parte están relacionadas con problemas de seguranza viaria.

Estender o modelo

O vicepresidente provincial, César Mosquera, apuntou, pola súa banda, que co Plan MOVESE quéreselle dar un "impulso serio e potente á mellora da mobilidade nas estradas provinciais". Lembrou que a Deputación de Pontevedra foi a primeira administración que instalou "lombos" na súa rede de estradas e subliñou que "a pesares de que nalgúns casos salvaron moitas vidas, noutros non supuxeron a solución máis correcta pola súa aplicación deslavazada". Neste sentido, Mosquera destacou que a experiencia provincial, xunto coa doutros concellos coma o de Pontevedra, serve "para facelo mellor", ao estender o modelo a toda a provincia a partir de agora.

Sobre a sinistralidade na rede provincial de estradas o vicepresidente indicou que co plan de Mobilidade e Velocidade Segura non só se quere diminuír o número de accidentes, senón contribuír a dar unha maior sensación de seguridade viaria. "As estradas que pasan por medio de núcleos poboados sempre condicionan a vida deses veciños, polo que hai que mellorar a súa mobilidade e potenciar un modelo que aumente a súa calidade de vida", dixo.

En referencia aos accidentes con atropelos de peóns que se producen nas vías secundarias Mosquera destacou que, na maior parte dos casos, se deben a despistes de condutores, polo que hai que planificar actuacións de deseño das vías, para que cando se produzan eses despistes "teñan as menores consecuencias posibles".

Finalmente, Mosquera sinalou que as actuacións do plan MOVESE irán coordinadas con máis plans de mellora da rede de estradas provinciais que se presentarán en breve.

Máis información sobre o plan MOVESE