Noticias

A Deputación instalará elementos de calmado de tráfico e pintará esta primavera 25 estradas provinciais da comarca do Morrazo

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez presentou hoxe en Bueu o Plan Móvese e sinalou que o investimento na comarca alcanza os 449.738 euros


29 marzo 2017
Movese o Morrazo

A Deputación de Pontevedra realizará esta primavera actuacións de calmado de tráfico e de sinalización horizontal en 25 estradas de titularidade provincial na comarca do Morrazo. Así o explicou o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, quen presentou hoxe en Bueu o Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE) e subliñou que o investimento na zona para esta iniciativa, xunto coa actuación de pintado de estradas, ascenderá a 449.738 euros.

O responsable das vías de titularidade provincial explicou aos alcaldes de Bueu, Cangas e á alcaldesa de Moaña (a rexedora de Marín escusou a súa presenza por motivos de axenda), xunto a outros representantes municipais e colectivos, que a intención da Deputación é "dar unha resposta á problemática da seguranza viaria cun xiro ás políticas anteriores". O nacionalista foi claro e asegurou que a Deputación aposta polos elementos  físicos de calmado de tráfico (pasos de peóns sobreelevados –PPS- ou lombos e redutores físicos –RFVV-) que permitan unha mobilidade sostible e segura aos colectivos máis vulnerables.

Benítez destacou que a violencia viaria é un problema evitable, xa que é causa dun claro exceso de velocidade e subliñou que a metade das vítimas mortais de accidentes son peóns, ciclistas e motociclistas. "Podemos poñer radares, sinais, multas, pero a única actuación efectiva para baixar velocidades é instalar redutores físicos que obriguen aos condutores a ir máis amodo. Con menos velocidade as consecuencias dos sinistros son menores", argumentou.

O deputado insistiu en que as administracións competentes en materia de estradas deben estar comprometidas con solucionar o problema e apostar por crear espazos de convivencia entre as diferentes mobilidades, revertendo as políticas aplicadas ata o de agora, que daban preferencia aos vehículos nas actuacións das estradas. "Agora a protagonista debe ser a persoa", dixo.

Por outra banda, tamén puxo de relevo as características do territorio na provincia de Pontevedra, na que hai un continuo de vivendas ao longo das estradas e, por tanto, de cidadáns que camiñan por elas de xeito continuo. "Os cartos públicos son limitados. Poderíanse separar ciclistas e peóns, pero a realidade é que non hai cartos para facer sendas peonís e beirrarúas en todas as estradas da provincia. Hai que atacar a situación desde outra perspectiva, e o Plan MÓVESE é unha aposta para calmar o tráfico axustada á realidade galega e á realidade económica", defendeu.

No caso da comarca do Morrazo, o investimento global do Plan Móvese é de 398.297 euros, cos que se instalarán 37 pasos de peóns sobreelevados e 24 redutores físicos de velocidade. A maiores, o investimento en pintado horizontal será de 51.441 euros.

Por concellos, o de Bueu contará con melloras nas súas vías provinciais por valor de 194.074 euros. Instalaranse 15 PPS e outros 15 RV distribuídos en sete estradas. Por outra banda, pintaranse seis estradas na súa totalidade (Beluso-Cabo Udra, Banda del Río-A Portela, Bueu-Igrexario de Cela, Igrexario de Cela-Oueiro-Bueu, acceso á praia de Lagos e acceso á praia de Beluso).

No concello de Cangas instalaranse dous PPS e cinco redutores de velocidade en tres estradas provincias. Pintaranse, por outra banda, as estradas Magdalena-Aldán, Vilariño-Hío, Hío-Vilanova e os accesos ás praias de Nerga e Liméns. O investimento será de 39.090 euros.

O concello de Marín, pola súa banda, recibirá unha mellora valorada en 125.137 euros. As actuacións do Plan Móvese consistirán na instalación de 10 PPS e un redutor de velocidade en puntos estratéxicos de catro estradas provinciais. Así mesmo, pintaranse as estradas Marín-Penizas, Seixo-Santo Tomé de Piñeiro e os accesos ás praias de Loira e Aguete e o acceso ao peirao de Aguete.

Finalmente, o concello de Moaña, terá dez PPS e tres redutores de velocidade e verá pintada unha das súas estradas provinciais (Moaña-Coiro). O investimento será de 91.436 euros.

Hai que lembrar que as actuacións de instalacións do Plan Móvese (lombos e redutores para establecer zonas 30 de velocidade máxima) foron solicitadas no seu día polos concellos. Recibíronse máis de un milleiro de peticións, das que algunhas foron rexeitadas por non referirse a elementos físicos de calmado de tráfico e outras porque hai en previsión actuacións integrais para melloras de estradas que xa incorporan os PPS e RV nos proxectos. Aqueles concellos que desbotaron a posibilidade de instalar os redutores físicos quedaron fóra do plan.

O deputado Benítez salientou que a Deputación prevé a apertura dunha segunda fase do Plan Móvese que se abriría despois do verán con variacións en función da experiencia da actual fase. En calquera caso, e ante a solicitude de algúns alcaldes de instalar máis lombos de maneira inmediata, o nacionalista subliñou que se estudarán os casos que supoñan risco de seguranza viaria, mais pediu aos rexedores que vaian facendo un estudo de novas necesidades.