Noticias

O Plan Concellos da Deputación destinaralle en 2017 preto dun millón de euros a Gondomar, un 7,40 % máis que en 2016, 4 puntos máis que a media provincial

O Plan da Deputación para 2017 achégalles unha media dun 3 % máis de cartos aos concellos da provincia, dos que Gondomar é, cunha subida de 65.000 euros, un dos máis beneficiados


14 xaneiro 2017
Gondomar

A Deputación de Pontevedra achegaralle ao Concello de Gondomar durante 2017, no marco do Plan Concellos, 940.746,04€, 64.813,72 € máis que en 2016, o que representa un crecemento do 7,40 % con respecto ao ano pasado, catro puntos máis que a media provincial. En 2016 Gondomar xa rexistrou un 24 % de incremento respecto a 2015 (o que se traduciu en 169.275,79 € máis). Á marxe do Plan Concellos, Gondomar recibirá este ano outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos en 2016

Ao longo de 2016 a Deputación de Pontevedra investiu en Gondomar 1.318.843,36 €. En liñas xerais, desta contía, 875.932,32 € correspondéronse co Plan Concellos. Así mesmo, a institución provincial investiu 101.657,72 € en mobilidade, 99.819,19 € en cohesión social e xuventude, 78.983,04 € en emprego, 52.944,61 € en cultura e lingua, 40.153 € en deportes, 3.557,40 € en igualdade e 3.000 € en medio ambiente.

En concreto, Gondomar investiu 624.675,30€ da liña 1 do Plan Concellos para obras de conservación e mantemento do material de cubrición do polideportivo municipal e do contorno do pavillón municipal; para a urbanización do espazo exterior do edificio administrativo do CDL e obras de instalacións complementarias; para o acondicionamento do parque da Coelleira; para o axardinamento de tres rotondas; para a pavimentación dos camiños públicos número 239 de Hervillas e 245 de Rocha, así como para a mellora da pavimentación, drenaxe e seguridade viaria no camiño de Carrasquedo de Abaixo. A través da liña 2, de amortizacións, Gondomar destinou 25.310,38 € para a subministración de asfalto en frío, necesario en varias actuacións de reparación de firmes; da liña 3, de actividades, o Concello investiu 28.971,46 € para a aula de teatro PritisGuomins, para o Gondoverán, para actividades e cursos destinados a persoas maiores de 55 anos do concello, para a IV carreira a prol da corresponsabilidade e para o Cinema na Rúa; e, finalmente, Gondomar achegou 196.974,58 € da liña 4, de emprego, para a contratación de 19 persoas para a realización de tarefas no Concello.

No caso do fomento da cultura e lingua, o concello recibiu 52.944,61 € da Deputación de Pontevedra, a través dos cales se organizaron 78 actuacións do Pontegal e axudas para a dinamización lingüística, para a sinalización e a rehabilitación do patrimonio histórico e a memoria histórica e para tres actividades enmarcadas no Ano Castelao.

Tamén se destinaron 73.559,13 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios municipais, da teleasistencia domiciliaria (da que se beneficiaron 11 persoas) e das axudas básicas de emerxencia ben mediante os programas "En ruta coa  Depo" (no que participaron tres asociacións), "Tecendo lazos", "Depo en marcha" (2 cursos formativos) ou "Depo Aventura A Lanzada", no que participaron 30 nenas e nenos do concello.

Do mesmo xeito, Gondomar recibiu 40.153 € para 16 clubs de deporte federado de base, para a participación en ligas e competicións oficiais, para que tres equipos participen na Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, para o desenvolvemento de cinco actividades deportivas e para as escolas deportivas provinciais (dúas de balonmán, tres de fútbol, dúas de patinaxe, unha de judo e outra de baloncesto). Tamén se destinarán 78.983,04 € ao fomento do emprego a través do Plan de práctica laboral, que permite que cinco persoas estean a desenvolver a súa primeira experiencia laboral no Concello de Gondomar e outras tres en empresas da localidade, así como 3.557,40 € para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a través do programa "Conectadas", que organizou no concello catro cursos de formación.

Así mesmo, a institución provincial achegou 101.657,72€ en materia de mobilidade para o Plan Móvese e para obras de sinalización horizontal nas vías provinciais de Gondomar, así como 3.000 € para o mantemento do campo de fútbol de Gaiandas.