Noticias

O deputado David Regades visita en Gondomar as obras financiadas pola Deputación ao abeiro do Plan concellos 2016

O deputado de Cooperación lembrou que o investimento do Plan este ano 2017 na vila sitúase en case un millón de euros, un 7,40% máis que no ano anterior, catro puntos máis que a media provincial


23 febreiro 2017
Gondomar

O deputado de Cooperación da Deputación de Pontevedra, David Regades, acompañado polo alcalde, Francisco Ferreira e membros do goberno municipal, visitou esta mañá en Gondomar algunhas das actuacións desenvolvidas na vila no marco do Plan Concellos 2016, entre as que se atopan a reforma do campo de fútbol das Gaiandas. En concreto, esta reforma  supuxo un investimento de preto de 24.000 € ós que hai que engadir outras achegas destinadas a conservación e mantemento do polideportivo, urbanizacións, acondicionamentos de parques, axardinamentos de rotondas e pavimentacións.

Regades subliñou que "a través da reforma do campo de fútbol das Gaiandas, o concello de Gondomar está a ofertar á cidadanía unha infraestrutura adecuada para poder realizar e practicar deporte, tan imprescindible para a saúde das veciñas e veciños da vila como para o impulso de hábitos  positivos como a solidariedade, o xogo limpo ou o traballo en equipo entre as máis pequenas e pequenos". Amais, o deputado provincial lembrou que o Plan Concellos 2016 destinou a Gondomar 875.932,32 €, case un 24% máis de achegas que en 2015.

O Deputado de cooperación tamén recordou que "durante o ano 2016 o goberno provincial de Carmela Silva fixo un investimento total superior aos 1,3 millóns de € na vila de Gondomar, facendo que os veciños e as veciñas deste concello poidan ter unha mellor calidade de vida" e reiterou que "seguiremos apostando polos concellos, que son os que máis necesitan a actuación directa da Deputación de Pontevedra".