Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba as bases reguladoras para que 4.434 persoas da provincia participen no programa "Depotermal" 2019

O programa de termalismo da Deputación de Pontevedra conta cun orzamento superior aos cen mil euros e máis de 430 prazas reservadas a persoas en situación ou risco de exclusión social


05 agosto 2018
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases reguladoras do programa "Depotermal" 2019, que este ano conta cun orzamento de máis de cen mil euros e oferta 4.434 prazas para todos os concellos da provincia, das cales 434 están reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social. O obxectivo da institución provincial ao adiantar a aprobación das bases e da execución é, como afirmou a presidenta Carmela Silva, "axilizar o máximo posible a xestión do programa para que a cidadanía poida gozar del, cada ano, antes".

Este ano "Depotermal" 2019 oferta 4.434 prazas, distribuídas na modalidade de asistencia diaria aos establecementos termais durante cinco días consecutivos e de pernoita con pensión completa. Na primeira das modalidades a Deputación de Pontevedra oferta 1.248 prazas, das que 248 (4 por cada concello adherido ao programa) se reservan para persoas en situación ou risco de exclusión social. No caso da modalidade de pernoita con pensión completa, o Goberno de Carmela Silva oferta3.186 prazas, das que 186 (3 por concello) se reservan para persoas en situación ou risco de exclusión social.

A presidenta da Deputación informou que o primeiro paso para participar en "Depotermal" 2019 é que os concellos presenten o acordo de adhesión. O prazo para que os concellos acheguen a solicitude é de 15 días naturais desde a publicación das bases aprobadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO). Unha vez rematado este prazo, e publicada na páxina web a lista de concellos adheridos ao programa, abrirase un prazo de 30 días naturais para que as persoas interesadas en beneficiarse da iniciativa poidan presentar a súa solicitude.

Carmela Silva recordou que poderán beneficiarse de "Depotermal" 2019 todas as persoas empadroadas na provincia de Pontevedra nacidas antes do 1 de xaneiro de 1969, pensionistas, cun recoñecemento do grao de diversidade funcional igual ou superior ao 65 % ou que precisen dun respiro familiar.

Deste xeito, a través de "Depotermal" 2019 a Deputación de Pontevedra, segundo informou a súa presidenta, pretende fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade. Ademais, o programa da institución provincial tamén está a facilitar o acceso ao turismo de saúde e a dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.