Noticias

A Deputación aproba as bases para a concesión de préstamos sen xuros aos concellos da provincia

Esta iniciativa permitirá que os concellos de menos de 50.000 habitantes poidan dispoñer dun millón de euros de financiamento sen xuros


28 xaneiro 2017
Préstamos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases para a concesión, por concorrencia competitiva, de préstamos sen xuros a municipios da provincia de Pontevedra con poboación inferior a 50.000 habitantes para o ano 2017. A contía destinada para este fin ascende a un millón de euros.

O principal obxecto da concesión de anticipos aos concellos é o de facilitar unha fonte de financiamento, ao menor custe posible e sen xuros, para que poidan afrontar a execución de investimentos e operacións de tesourería. Para poder optar a estas axudas os concellos deberán ter aprobado o orzamento para o exercicio de 2017 e non ter pendentes de pagamento cotas de amortización de préstamos contraídos coa Deputación.

O novo Goberno da Deputación decidiu que estes préstamos se concedesen sen xuros, nin comisións, nin gastos doutro tipo e por concorrencia pública, ao contrario do que acontecía co anterior Goberno. Neste contexto, a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, recordou que "o anterior Goberno concedía os préstamos e anticipos con intereses situados no 2 %, algo que nós decidimos suprimir co fin de contribuír a facilitar que os concellos puidesen afrontar os investimentos e as operacións de tesourería".

Tamén subliñou Carmela Silva que "este ano quixemos que este programa se aprobase máis cedo, en xaneiro, porque consideramos que se trata dun instrumento máis de planificación de políticas públicas que teñen por obxecto o fomento ou promoción dunha utilidade pública ou interese social".

O pasado ano concedéronse préstamos a un total de nove concellos da provincia de Pontevedra: en concreto, Fornelos de Montes, Silleda, Catoira, Poio, Pazos de Borbén, A Cañiza, Salceda de Caselas, Cuntis e Vilanova de Arousa.