Noticias

300 rapaces e rapazas do CIP Vilaboa coñecen que é a compostaxe nos obradoiros da Deputación

Os escolares realizarán entre hoxe e mañá a actividade "Quen vive aí?", na que estudarán os diferentes vermes que axudan a facer o compost


07 marzo 2017
Escolares

Uns 300 rapaces e rapazas do Centro Público Integrado (CPI) Vilaboa participan hoxe e mañá nos obradoiros organizados pola Deputación para aprender xogando en qué consiste a compostaxe. Este martes os primeiros grupos realizaron a actividade "Quen vive aí?", na que identificaron os invertebrados presentes no composteiro (cochinillas, bichiños bóla, cadelas de frade…) e coñeceron a súa importancia no proceso.

Esta actividade de identificar os vermes foi posible a través de diferentes mostras de compost (en varios estados de maduración) que os monitores achegaron ata o centro. Alí, os nenos e as nenas puideron estudar facilmente os distintos tipos de vermes coa axuda de sinxelos capturadores de fauna –collendo eles mesmos os bichos– e observalos con material de aumento e chaves dicotómicas. Mañá será a quenda dos seguintes grupos do centro (Primaria e Secundaria), que tamén aprenderán que esta fauna invertebrada é fundamental para que se desenvolva a compostaxe.

Ata o de agora xa participaron nos obradoiros de compostaxe da Deputación 44 alumnas e alumnos do primeiro ciclo de Primaria do CPI, que realizaron diferentes xogos sobre residuos no mes de xaneiro. O que máis éxito tivo foi o xogo da miñoca, unha variación do xogo da oca, no que, formando equipos, resolveron probas e preguntas sobre compostaxe (que tipo de elementos se poden botar na composteira, como é o proceso ou cales son os traballos que se deben facer para obter un bo compost). Durante a proba os escolares pasaron algúns contratempos ao caer nas casas relacionadas con accións irreparables para a compostaxe. Houbo tamén unha exposición didáctica itinerante, que se colocou nos espazos comúns do centro escolar, na que se explicaron os principais conceptos.

A próxima actividade chegará os días 18 e 19 de abril, cando os alumnos e alumnas da ESO sairán do centro para coñecer in situ un dos composteiros comunitarios do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra situados no concello de Vilaboa.

Os monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), co que a Deputación está a realizar os obradoiros –grazas a un convenio–, pretenden concienciar tanto a comunidade docente coma o alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

A Deputación, de feito, está a traballar no Plan Revitaliza, potenciando a compostaxe como sistema de xestión alternativo para o lixo orgánico. Ata o de agora repartíronse de xeito demostrativo composteiros comunitarios entre varios concellos, que están a funcionar con éxito. En breve empezarán a instalarse outros nos concellos adheridos á segunda fase do Plan. Esta cambiará a contenerización actual do lixo e posibilitará que, de forma sistemática, todos os orgánicos vaian ao composteiro e o resto ao colector amarelo de envases, ao azul de papel e ao verde de vidro, eliminando así o colector verde.

Fotos


Novas relacionadas

compost

06 marzo 2017, compostaje, compostaxe, obradoiros, talleres, colexio
Neno xogando

02 marzo 2017, compost, compostaxe, obradoiro