Encontro en liña de mulleres xornalistas 2020

Tareixa Navaza

Tareixa Navaza

Tareixa Navaza (Santiago de Compostela, 1947). Xornalista. Pioneira na radio e televisión galegas e un dos primeiros nomes femininos que entraron nas redaccións do mundo audiovisual. En 1984 relatou en TVE o regreso dos restos de Castelao, un fito na historia da comunicación en Galicia. Navaza representa a concepción dun xornalismo implicado coa sociedade do seu tempo.

Comezou a traballar en Radio Galicia SER a finais do 65. A partir de 1970 comezou a dirixir e presentar Horas jóvenes, un programa diario de dúas horas feito case na súa totalidade por estudantado universitario. Neses anos converteuse na voz de Galicia en programas estatais como Hora 25, Matinal Cadena Ser e Los 40 Principales. Tamén recibiu o Premio Nacional de Radio.

En 1973 iniciou o seu traballo na delegación galega de TVE con Luís Mariñas como director, compaxinando radio e televisión ata 1980. Neses anos colaborou tamén cunha entrevista semanal en La Voz de Galicia. Como xornalista na televisión pública realizou informativos, magazines, mesas redondas, entrevistas, deportes, o tempo etc. A transmisión da chegada dos restos de Castelao e a lectura dos comunicados dos traballadores do sector naval tiveron consecuencias para ela como profesional: sufriu a censura de TVE e foi retirada aos corredores e a ler textos escritos por outras ou outros compañeiros.

Ademais do xornalismo en radio e televisión, a súa sinatura apareceu en numerosos artigos de opinión e entrevistas en medios diarios como El Correo Gallego ou La Voz de Galicia, no semanario A Nosa Terra ou en publicacións como Andaina, revista feminista.

En 1994 entra no Consello de Administración da CRTVG, do que formou parte durante dúas lexislaturas. En 2002 incorporouse de novo á TVE en Galicia, con Carmen Cafarell como directora xeral. Nesa nova etapa encargouse dun programa de hora e media dedicado á Real Academia Galega no seu centenario e de Arredor de nós, una serie de doce programas dedicados a outros tantos personaxes galegos.

No 2005 foi unha das afectadas polo ERE aplicado en RTVE que lle afectou a outros cinco mil profesionais.