Xoguetes sen estereotipos de xénero

Xogar é un dereito, unha fonte de aprendizaxe e unha vía de enriquecemento persoal recoñecida na Convención sobre os Dereitos do Neno de 1989, aprobada por Nacións Unidas. É deber das institucións públicas fomentar e facilitar que as novas xeracións se desenvolvan de forma igualitaria, inclusiva e respectuosa coa diversidade, de forma non violenta.

Esta campaña xorde do noso compromiso coa igualdade de oportunidades, coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e nenas e nenos da provincia de Pontevedra. Entronca co noso firme obxectivo de crear unha sociedade máis xusta e igualitaria, que só pode chegar traballando desde idades temperás.

Por este motivo, desde a Deputación de Pontevedra reivindicamos, durante o Nadal e sempre, xoguetes que non respondan aos tradicionais estereotipos de xénero. Xoguetes para xogar, para crecer felices, para que as e os cativos poidan enriquecerse, elixindo sen temor e expresando o que senten sen verse condicionados por roles tradicionais que poden chegar a limitar as súas aspiracións e a condicionar o seu comportamento.

Debemos traballar en rede, institucións, fabricantes e familias para propiciar que as nenas e nenos se eduquen, xoguen e medren sen obstáculos e con total liberdade e en igualdade de condicións. Esta é, ademais, unha das metas fixadas pola Axenda 2030 de Nacións Unidas, que determina como un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) acabar con todas as formas de discriminación existentes e empoderar as mulleres e as nenas. Neste camiño seguiremos traballando. Bo Nadal!

Xoguetes sen estereotipos de xénero

Última modificación: xoves, 05 decembro 2019