Xogando aprendemos a vivir

O xogo é unha ferramenta para mudar o mundo

Xogar promove o desenvolvemento integral das nenas e dos nenos e axúdalles a coñecerse a si mesmos e o mundo que os rodea.

O xogo convértese, así, nunha ferramenta imprescindible de desenvolvemento de múltiples aptitudes para a vida: respectar as regras e as quendas, crear estratexias, iniciar e fortalecer relacións, explorar e investigar, aceptar os propios erros e superar as frustracións, traballar en equipo e colaborar e coidar de si mesmos e das demais persoas.

É unha importantísima ferramenta educativa coa que fortalecer a responsabilidade individual e colectiva e coa que medrar en igualdade, vencendo os estereotipos de xénero que nos dividen nos xogos —e a vida na idade adulta— segundo a condición feminina ou masculina.

Todas as habilidades que se aprenden por medio do xogo vólvense de forma inmediata útiles e aplícanse de seguido na vida cotiá.

Ao aprender mediante o xogo actividades coma as tarefas do fogar e os coidados as nenas e os nenos adquiren por igual unha aprendizaxe que van reproducir na súa vida adulta, xeneralizando e asentando na sociedade a igualdade de xénero neses labores.

Aprender a coidar as persoas máis vulnerables dentro do contorno familiar non é unicamente responsabilidade de mulleres, aínda que, na práctica da vida diaria, a meirande parte das veces sexan elas, sexamos nós, as encargadas desa tarefa.

Coidar é atender, preservar, defender, asistir, administrar, cultivar, preservar, protexer, velar, curar, mimar. Todas e todos podemos e debemos facelo.

Coidar as e os demais fortalece a nosa autonomía na toma decisións, a nosa madurez e a nosa autoestima e desenvolve aptitudes cimentadas en valores coma a solidariedade, o respecto e o amor.

En palabras da educadora, científica, filósofa, feminista e humanista italiana María Montessori:

"O neno —e a nena— é o construtor do home e da muller, e non existe ningún home —ou muller— que non se formase a partir do neno —ou da nena– que foi algunha vez."

O xogo é, así, unha ferramenta para mudar o mundo.

Xogando aprendemos a vivir.

Última modificación: martes, 01 decembro 2020