ORAL-Xestión tributaria

O Consello Xeral da Avogacía Española faise eco da sentenza núm. 949/2023, do 10 de xullo de 2023, na que o Tribunal Supremo confirma o criterio seguido pola Deputación Pontevedra - ORAL en relación á plusvalía municipal.


28 xullo 2023

O Consello Xeral da Avogacía Española faise eco da sentenza núm. 949/2023, do 10 de xullo de 2023, na que o Tribunal Supremo confirma o criterio seguido pola Deputación Pontevedra - ORAL en relación á plusvalía municipal, indicando que o Alto Tribunal limita a posibilidade de reclamar o imposto da plusvalía municipal a aquelas persoas que non o fixeron antes da resolución do Tribunal Constitucional do 26 de outubro de 2021, data da sentenza que declarou ilegal o cálculo do imposto.

No citado articulo faise mención expresa ás declaracións da xefa do servizo xurídico tributario da Deputación Pontevedra - ORAL, Carmen Lorenzo Iglesias, quen foi a persoa responsable de levar e conseguir o citado caso:

"A Lei Orgánica do Tribunal Constitucional prevé expresamente a posibilidade de publicación do fallo antes da preceptiva publicación polo BOE e conclúe que a delimitación das situacións consolidadas a esta data do ditado de sentenza é unha decisión do Tribunal Constitucional que tan só ao mesmo corresponde, dentro do exercicio das súas facultades e responsabilidades.

O alto tribunal declara que unha liquidación tributaria non recorrida, antes de coñecerse a declaración de inconstitucionalidade, é unha situación consolidada por declaralo así o Constitucional, e que como tal situación consolidada, non queda afectada pola declaración de inconstitucionalidade do imposto nin pode ser anulada con base na mesma."

Coa devandita resolución xudicial, continúa a noticia publicada, fíxase criterio nunha cuestión que foi resolta de forma dispar nos distintos Xulgados e tribunais, e pecha a porta as persoas contribuíntes que estaban en prazo para recorrer liquidacións por plusvalía na data que se declarou a inconstitucionalidade, pero aínda non formalizaran o seu recurso.