ORAL-Xestión tributaria

A recadación total do ORAL no 2021 foi de 135,9 millóns de euros, un 4% máis que no 2020

Carmela Silva: "Temos mellorado na recadación, atención á cidadanía, transformación dixital pero sobre todo no que respecta á alianza total, absoluta e de respecto aos concellos, que agora si coñecen a información real da xestión dos seus tributos"


14 xuño 2022

No 2021 o ORAL da Deputación de Pontevedra recadou un total de 135,9 millóns de euros, un incremento de 8,9 millóns de euros con respecto ao 2020 que supoñen un 4% máis, tal e como desvela a Memoria do organismo do pasado ano que vén de ser presentada pola presidenta Carmela Silva e súa directora Inmaculada Viña.  "Os datos amosan o traballo ben feito –remarcou Carmela Silva- e que non hai quen coñeza a esta administración, que ten mellorado en canto a recadación, atención á cidadanía, transformación dixital pero sobre todo no que respecta á alianza total, absoluta e de respecto aos concellos, que agora si coñecen a información real de xestión dos seus tributos".  Deste xeito son xa 63 as entidades locais da provincia que teñen delegada a xestión tributaria no ORAL, o 88% dos concellos da provincia e o 94% dos de menos de 20.000 habitantes.

 "O organismo tense convertido no elemento imprescindible da xestión tributaria na provincia- destacou a presidenta-. Sen a súa axuda os concellos, coa escaseza de recursos que teñen, terían moitas dificultades de xestionar". Así, entre os datos que deu a coñecer, comezou recordando a loita contra a fraude fiscal no eido local, coa xestión de 1.411 expedientes en materia de inspección tributaria que permitiron regularizar 355 inmobles derivados da inspección catastral no 2021. Tamén detallou que máis do 89% da xestión tributaria se leva a cabo a través do sistema de Padróns, xestionando 116,9 millóns de euros e recadando 107,4 millóns de euros que supoñen o 92,07% da xestión realizada, mellorando mesmo os datos do pasado ano cando a porcentaxe se situaba no 89,44%. Ademais, en canto aos impostos máis coñecidos, no caso do IBI o ORAL recada máis dun 90% na metade dos concellos dos que ten a xestión, igual que no caso do IEA nas tres cuartas partes dos concellos. Entre "tanto dato positivo" incrementáronse tamén as porcentaxes de recadación voluntaria con respecto a 2020 do IAE no 4%, do ICIO no 1,5% e en taxas máis dun 4%.

A asistencia á cidadanía ten mellorado tamén, con 351.685 atencións directas que supoñen 76.277 máis que as realizadas no 2020. "Somos cada vez máis cercanas/os, atendemos a máis xente, somos unha administración máis útil para a cidadanía e ademais diminuímos considerablemente os tempos de espera coa mirada posta na atención en tempo real da xente, cando realmente o necesita", destacou a presidenta. Neste ámbito recordou que a atención integral non presencial aumentou nun 79% e as telefónicas nun 26%, así como medraron nun 16% as facilidades nos pagamentos electrónicos e realizáronse máis de 598.000 transaccións a través da Oficina Virtual Tributaria.

A publicación da Memoria do ORAL leva realizándose dende fai catro anos. "É fundamental facer dacións de contas, explicar como se xestionan os tributos dos concellos da provincia porque unha boa xestión dos ingresos -unha das patas do Estado de Benestar- é fundamental para poder facer gasto público", asegurou a presidenta. Carmela Silva fixo fincapé en que a xestión do ORAL está aliñada coa Axenda 2030, apostando por impulsar unha administración "eficaz, eficiente, accesible ás persoas, responsable, que fai un bo uso das competencias que asume, transparente e en alianza con outras administracións, cos concellos, como nunca antes tiña habido". Remarcou a aposta pola innovación, coa oficina virtual "a través da cal a cidadanía pode facer todo tipo de consultas sobre os tributos empregando a transformación dixital como ferramenta para facilitar a vida á xente", pero sen deixar de prestar a atención presencial para facer fronte á fenda dixital existente, subliñando entre as medidas para combatela "a extraordinaria idea" de que a xente poida facelo por xiro postal "que está dando moi bos resultados"

Tamén incidiu na importancia da Memoria a directora do ORAL, Inmaculada Viña, quen subliñou o seu carácter "fundamental" como "ferramenta de transparencia, de dación de contas e instrumento de mellora en liña cos obxectivos estratéxicos marcados pola institución provincial e centrados no impulso e bo goberno propios dunha administración comprometida cos obxectivos da Axenda local 2030". Ademais, destacou "a confianza dos concellos da provincia na Deputación e no ORAL para levar a cabo a xestión dos seus tributos".