Noticias

Esgotadas en menos de 24 horas as prazas para a última ruta do programa "Depo andainas" 2020 que levará a 200 persoas a percorrer o val das Fadas

A ruta, a última da quinta edición das "Depo andainas", realizarase o domingo 20 de setembro no concello da Cañiza


01 setembro 2020

Ao igual que aconteceu coas dúas anteriores, a derradeira das rutas ofertadas este ano no marco do programa "Depo andainas" esgotou en menos de 24 horas as 200 prazas para o percorrido polo val das Fadas no concello da Cañiza. A ruta, enmarcada na quinta edición do programa de camiñadas impulsado pola Deputación de Pontevedra, realizarase o domingo 20 de setembro e será o peche das "Depo andainas" neste 2020.

Esta terceira e última ruta levará o 20 de setembro ás e aos 200 participantes ata o concello da Cañiza, para realizar un itinerario circular de 9,56 quilómetros e dificultade media. O percorrido iniciarase no casco urbano da vila e continuará cara o río Deva, seguindo o val das Fadas. Coas novas medidas de seguridade derivadas da COVID-19, as e os participantes deberán desprazarse ao punto de partida da ruta, onde se lles asignará unha monitora ou monitor e serán repartidos en grupos reducidos, cun máximo de 25 persoas.

Esta quinta edición das "Depo andainas", dirixidas a todas as persoas independentemente da súa idade, arrancou a comezos de agosto nos muíños de Moaña, continuou o domingo pasado na fervenza de Callobre na Estrada e rematará o 20 de setembro con este percorrido pola ruta do val das Fadas da Cañiza. O programa, impulsado de xeito gratuíto pola Deputación de Pontevedra, ten por obxectivo fomentar hábitos de vida saudable e a promoción do turismo sustentable, no marco do decidido compromiso da institución provincial co Medio Ambiente. Este verán as "Depo andainas" enmárcanse en "Vive deporte", unha iniciativa que ten programadas entre xullo e este mes de setembro unha trintena de rutas, andainas e actividades de orientación.