Noticias

O programa Depoemprega 2015 imparte esta semana dous obradoiros en Pontevedra e na Estrada

As actividades "A entrevista de traballo" e "Obradoiro de emprego 2.0" teñen como obxectivo mellorar a ocupación e inserción laboral das persoas desempregadas


16 mai 2016

Os concellos de Pontevedra e A Estrada acollen esta semana dúas actividades do DepoEmprega 2015. O programa integrado de emprego está dirixido á mellora da ocupación e a inserción laborais das persoas traballadoras en situación de desemprego nos concellos de Bueu, Cangas, A Estrada, O Grove, Ponteareas, Tui e Vilagarcía de Arousa.

A primeira destas dúas quendas será na Estrada –no Museo do Moble (MOME), entre as 10 e as 13:00 horas–, o mércores 18 de maio, co obradoiro A entrevista de traballo. Esta actividade ten como finalidade outorgarlle importancia á entrevista laboral, sabéndose comportar axeitadamente, coñecendo as preguntas que se poden realizar nela e cal é o mellor xeito de respondelas, prestando atención tamén á linguaxe non verbal. O alumnado participará en diversas actividades como a simulación de entrevistas e debates sobre experiencias reais.

Xusto un día despois, na Aula Cemit do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra, na capital provincial, serán 16 persoas quen participen no Obradoiro de emprego 2.0 entre as 12 e as 14:00 horas. Esta acción formativa ten como obxectivo a xestión de Internet como un medio de busca activa de emprego. A Web 2.0, grazas ás súas ferramentas, permite xestionar a busca de emprego sen se mover da casa. O obradoiro tamén promoverá a creación dunha marca persoal a través dos perfís nas redes sociais, como se se tratara dunha marca comercial.