Noticias

"Smartpeme" atendeu a máis de 200 empresas e resolveu 300 asesoramentos tic nos seus primeiros tres meses

O 22 de setembro celebrarase a xornada de presentación de "SmartPeme" en Vigo


13 set 2016

O proxecto da Deputación de Pontevedra "SmartPeme" de orientación TIC a pemes, autónomos e persoas emprendedoras da provincia, que substituíu ao anterior "CPAE 2.0" dende o pasado mes de xuño, xa atendeu a máis de 200 pequenas e medianas empresas da provincia de Pontevedra. A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou esta mañá os resultados obtidos durante os tres primeiros meses de vida da iniciativa, tempo durante o cal se realizaron e resolveron 301 asesoramentos de 211 empresas. Ademais, realizáronse 58 eventos de capacitación TIC aos cales asistiron 439 persoas.

Se extrapolamos os datos aos últimos doce meses (dende setembro de 2015), durante os cales o antigo "CPAE 2.0" xa sufriu unha serie de modificacións que o encamiñaron ao que acabou sendo o "SmartPeme" tal como o coñecemos na actualidade, as cifras son as seguintes: 2972 asesoramentos para 1559 empresas, ademais de 872 eventos con 3894 asistentes. "Isto supón unha subida do 50% en canto a empresas atendidas, ademais de superar a barreira das 1.500 empresas atendidas, cun 60% máis de asesoramentos resoltos, estando preto dos 3.000", afirmou a Presidenta. As persoas asistentes medraron nun 43% no último ano, esperándose que no mes de setembro que chegue aos 4.000.

Carmela Silva avanzou ademais a celebración, o 22 de setembro, da xornada de presentación de "SmartPeme" en Vigo, a partir das 10:00 horas no antigo Reitorado da Universidade de Vigo. Co obxectivo de enfatizar a implantación de novas formulación en materia de estratexia dixital entre o tecido empresarial da provincia e de reforzar a  rede "SmartPeme" entre o tecido empresarial de Vigo, a xornada contará coa presenza do experto en estratexia dixital Luis Ferrándiz, de KPMG Asesores.

Lembramos que o proxecto "SmartPeme" é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e autónomos á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os e as emprendedoras, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. Todo iso empregando as tecnoloxías da información (TIC) e as novas tecnoloxías (redes sociais, comercio electrónico…). Para isto, nas oficinas de "SmartPeme" no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se porán en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

"SmartPeme" consegue, ademais, que a colaboración cos concellos sexa máis estreita xa que o proxecto se oferta como un servizo propio dos municipios, para que sexan eles os que presten o asesoramento e impulsen ás empresas, persoas autónomas e emprendedoras. A institución provincial se converte deste xeito nun vehículo para que os concellos poidan converterse nos protagonistas, ofertando un servizo que responda ás necesidades das súas veciñas e veciños que se dediquen ao mundo empresarial ou queiran emprender.