Noticias

"Pontevedra no obxectivo", unha exposición para amosar o valor artístico da fotografía de prensa

A Casa da Luz acolle unha selección de traballos dunha ducia de fotoxornalistas pontevedreses


04 mai 2016

'Pontevedra no Obxectivo. 12 fotoxornalistas' vén de inaugurarse esta tarde na Casa da Luz nun acto no que participaron os autores e autoras das fotografías, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé leal, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Anabel Gulías. A mostra, organizada pola Deputación e comisariada por Fátima Cobo, reúne unha selección de 36 traballos realizados por profesionais de prensa gráficos de Pontevedra ou que actualmente traballan en medios de comunicación pontevedreses.

Na súa breve intervención, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, salientou que "con esta mostra o que pretendemos é dignificar o traballo dos reporteiros gráficos polo imporante labor que realizan para dar testemuña do que ocorre no noso día a día, e incidindo sobre todo na súa vertente artística". Así, cada fotógrafo e fotógrafa seleccionou tres fotografías resultantes da súa actividade profesional diaria cubrindo os eventos e acontecementos da axenda informativa dos medios de comunicación. Esta mostra, ademais de valorizar a calidade artística das fotos expostas, posibilita que o público poida coñecer un tipo de profesional que habitualmente pasa desapercibido para os lectores e lectoras de prensa.  

'Pontevedra no Obxectivo' recupera unha mostra anterior organizada polo ente provincial e amplíaa con doce novas fotografías realizadas especificamente para a súa exposición na Casa da Luz, onde poderán visitarse ata o vindeiro 2 de xuño no horario habitual de apertura ao público. A colaboración entre o departamento provincial de Cultura e Lingua e o Concello de Pontevedra enmárcase, en palabras de Xosé Leal, "na liña de colaboración que establecemos cos concellos da provincia para complementar e tratar de enriquecer a súa oferta cultural".

Os fotoxornalistas que participan na exposición son Ramón Capotillo, Javier Cervera-Mercadillo, Yael Fariña, David Freire, Ramón Leiro, Mónica Patxot, Gustavo Santos, Alba Sotelo Leal, Diego Torrado, Rafa Vázquez e Miguel Vidal.